CRTVG

Buscar

Gloria arrasa no Levante, Cataluña e no Delta do Ebro

Publicado o 21/01/2020 22:44
Gloria arrasa no Levante, Cataluña e no Delta do Ebro

A borrasca Gloria asañouse este martes co litoral catalán, que sufriu a peor tormenta de levante deste século, e enguliu o Delta do Ebro, deixando 43 feridos ao longo dun episodio que continuará mañá máis débil, pero con abundante choiva en toda Cataluña, especialmente na metade norte e leste.

No seu segundo día, o temporal fixo desaparecer innumerables praias baixo a ondada, que chegou a todos os paseos marítimos, en especial os da área metropolitana, que perderon o seu ancho de area, e os da Costa Brava, onde a escuma do mar coouse nas rúas de  Tossa de Mar.
O chuvieiro fixo estragos tamén no Delta do Ebro, onde algunhas das súas zonas máis sensibles quedaron completamente asolagadas polo mar.

Ao longo do día, os refachos de vento deixaron valores históricos, como os 144,4 quilómetros por hora na estación de Puig  Sesolles, no Montseny, ou os case 200 litros de auga acumulada en municipios de Xirona, onde a ondada superou os 10 metros.

As comarcas con maior risco son o Alt Empordà, o Baix Empordà, o Gironès, o Pla de l'Estany e a Selva, así como o Baix Ebre, o Montsià e a Terra Alta, onde a tormenta está a descargar con especial virulencia, e recomendouse cancelar as actividades escolares para evitar o desprazamento de menores, que en moitos casos hoxe xa non foron ao colexio.

En Barcelona, a ondada provocada pola borrasca Gloria excedeu os espigóns do Porto Olímpico e causou o afundimento dunha embarcación amarrada na zona.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí