CRTVG

Buscar

Os Gardacostas de Galicia incautáronse de 25 toneladas de peixe e marisco no primeiro semestre do ano

Publicado o 29/08/2019 16:19

O Servizo de Gardacostas incautouse no primeiro semestre deste ano de 25.000 quilos de peixe e marisco ilegal e máis de 10.000 aparellos e útiles prohibidos. Nós pasamos unha xornada con eles facendo inspeccións na ría de Pontevedra. 

A Paio Gómez Chariño sae de Portonovo ás 9 da mañá, cando a marea está máis baixa. As tres embarcacións auxiliares que ten son as que buscan boias irregulares, furtivos por terra, aparellos calados. O primeiro control é nun barco de pesca deportiva. A inspección acaba en sanción. Teñen 8 liñas cando só poden manexar dúas por tripulante.

Cerca da illa de Tambo está a frota de navalleiros. Teñen que ter un plan de seguridade. Rexístrase a súa localización e pésanse as capturas que teñen a bordo. O tope por tripulante é de 20 quilos.

"Pode haber sobretope, poden ter a alternancia caducada, que non estean a traballar na zona autorizada e que se desviaran....", comenta Marisa Martínez, axente de Gardacostas.

Moi cerca dos navalleiros están os mariscadores en embarcación de Raxó e Campelo.Compróbase que os raños teñen a apertura regulamentaria. Aquí andan á babosa, que estes días acada prezos de 20 euros. Penéirana para escoller a que non dá o talle. O labor de control dos gardacostas é diario, e non só no mar. Enrique Rodriguez explica que a súa función prioritaria é vixiar desde a extracción ata a venda final do produto ao consumidor e que están no mar, na lonxa, nun transporte de estradas, nun restaurante, nunha depuradora...

Centolas en veda e marisco fondeado

Unha lancha auxiliar vén á patrulleira. Trae un barreño con centolas que algún barco tirou asustado pola presenza dos axentes. Polo menos son 20 quilos. Está vedado e devólvese ao mar (...) Moitas veces, a presión sobre o mar vén da demanda do turismo.

"No verán a centola e o boi están en veda e ás veces para abastecer os restaurantes déixanas fondeadas", explica Marisa Martínez.

Agora poñemos rumbo a terra. Entramos no porto de San Vicente, no Grove, para vixiar precisamente os fondeos. Ramón Vidal abre un barreño de nécora e comenta que van mirar se hai algunha ovada. Neste caso, todo está en orde pero os mergulladores rapidamente atopan produto ilegal. Nunha nasa hai ostras que non pasaron por lonxa.

En terra tamén vixían as descargas. Estes 8 ou 9 quilos de navalla é toda de sobrepesca. Quilos de incautacións de todo tipo de produtos que van sumando, e que no primeiro semestre do ano superaron os 25.000 quilos.

 

Noticias web

29/08/2019