Garda Civil e policías locais intensifican os controis nas zonas de segundas residencias

A Garda Civil e as policías locais están pendentes de que se cumpran as directrices da fase 1 da desescalada, que permite o desprazamento a unha segunda residencia sempre que estea na mesma provincia onde residen os seus titulares.
Este venres identificaron as 70 persoas que estaban na terraza deste bar de Vilanova de Arousa. O propietario asegura que se respectaban as medidas de distancia interpersoal e de redución de clientes, pero os axentes acudiron ao local despois de recibir varias chamadas alertando de que había algunha persoa no interior do local.
Tamén identificaron os clientes, para comprobar que non viñan doutras provincias. Algúns dos coches, que estaban estacionados en lugares prohibidos, poderían ser multados. O establecemento podería enfrontarse a unha sanción que vai do 600 aos 30.000 euros.