CRTVG

Buscar

García-Basteiro: "Cando o número de contaxios secundarios sexa menor a 1, baixarán as restricións"

Publicado o 03/04/2020 11:00

A esperanza pasa por atopar a vacina e hai avances científicos. Un equipo de expertos do Instituto de Bioxenética de Cataluña (IBEC) identificou un fármaco capaz de bloquear os efectos da COVID-19 na súa fase temperá. O estudo de colaboración internacional está en fase clínica de probas. O IBEC conseguiu descubrir como o coronavirus interacciona e infecta as células humanas do ril.

Alberto García-Basteiro é epidemiólogo no Instituto de Saúde Global de Barcelona e tamén no Centro de Investigación de Manica, en Mozambique.

"Sorprendeunos o impacto deste virus. Hai outros coronavirus que estiveron entre nós e non acadaron esta magnitude de pandemia. Creo que a moita xente nos colleu desprevidos".

"Hai varias diferenzas entre a COVID-19 e os demais coronavirus. Unha delas é a alta transmisibilidade. Tamén ten unha letalidade máis baixa que o MERS, que aínda circula en Arabia Saudita de forma endémica".

"Aínda é un pouco cedo para falar dos datos finais de letalidade. Non estamos a diagnosticar a maior parte dos casos. Hai algúns estudos que xa están a dicir que España está diagnosticando un 5% dos casos que hai. Hai moitísimos casos en que a persoa está infectada e non desenvolve ningún tipo de síntoma. Polo tanto, hai que ver esa letalidade con respecto a que a calculamos".

A vacina é a solución?

"Si e non. Pode ser a solución. A carreira para acadar unha vacina efectiva é unha prioridade para a comunidade científica. Tamén sabemos que pode haber variacións do virus que poden afectar a eficacia desa vacina".

"Xa estamos vendo consecuencias positivas do confinamento, pero para poder levantar estas restricións precisamos antes moitos máis datos. Temos que saber cal é o nivel de inmunidade na poboación. Temos que saber o impacto das actividades que non son esenciais. Temos que ver como baixa o número de contaxios secundarios. Se o baixamos por debaixo de 1, iso significará que estamos controlando a pandemia".

Noticias web

03/04/2020