CRTVG

Buscar

Os gandeiros protestan ante un supermercado de Narón para pedir prezos xustos do leite

Publicado o 06/08/2021 14:47

Dende que comezou o ano, os gandeiros galegos ven como se disparan os seus custos de produción. Pagan máis pola comida dos animais, pola electricidade e polo gasóleo. Pero eles reciben o mesmo polo leite que venden, o prezo máis baixo de toda España. En moitas granxas non cobren gastos. Segundo Elías Somoza, coordinador de sectores gandeiros de Fruga, "o prezo do leite galego está en 32,5 céntimos e os custos de produción, segundo estudos do propio ministerio, está entre 35 e 36 céntimos". 

Por esta razón, o sindicato convocou hoxe unha concentración no polígono da Gándara, en Narón, nos exteriores dun supermercado. Nela participou Eliseo Cebreiro, un gandeiro que, asegura, está vendendo o leite 4 céntimos por debaixo do que lle custa producilo.

En 2015 todo o sector lácteo acordou que non se pagaría por debaixo dos custos de produción. Sindicatos como Fruga e Unións Agrarias reclámanlle ao Goberno medidas de presión para que se cumpran os contratos. Tamén poñen o foco nas cadeas de supermercados, ás que culpan, en última instancia, da situación, por usar o leite como reclamo comercial.

"Estamos falando de ofertas de 58 céntimos, e iso tradúcese en que as industrias tamén o van vender a ganancias pero cando lle teñen que pagar o prezo ao gandeiro, nós si que vendemos a perdas", denuncia o sindicalista Elías Somoza.

Moitos gandeiros din que están nunha situación límite e aseguran que manterán as mobilizacións mentres non consigan mellores prezos para o seu leite.

Noticias web

06/08/2021