CRTVG

Buscar

Gandeiros galegos esixen paralizar a protección do lobo ante a Delegación do Goberno

Publicado o 09/03/2021 16:36

Gandeiros de toda Galicia levaron este martes ante a Delegación do Goberno as súas protestas polo aumento da protección do lobo por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Con esta protesta, convocada por Unións Agrarias, os gandeiros súmanse ás mobilizacións que se desenvolven por toda España en contra dunha decisión que din que se toma nun despacho por razóns ideolóxicas, sen ter en conta os danos que provoca o lobo no gando.

Os gandeiros aseguran que este aumento da protección é todo un ataque á supervivencia das granxas en extensivo cos animais en contacto co contorno. Segundo Unións Agrarias, os ataques do lobo aumentaron nun 126 % en cinco anos. Dos 200 rexistrados en 2015 aos máis de 2.000 o ano pasado.

Por iso pensan que a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica se tomou sen base técnica nin científica e de costas a comunidades como Galicia, Asturias, Cantabria ou Castela e León, que concentran o 95 % do censo de lobos en España.

Pídenlle ao Goberno central que dea marcha atrás. Que se elabore un estudo real do censo de lobos e que se lle aboen ao gandeiro os danos causados polos ataques nun prazo de entre tres e catro meses. Din que, con prevención, educación e axudas, a convivencia co lobo é posible.

Noticias web

09/03/2021