CRTVG

Buscar

Gandeiros de Viveiro piden batidas para acabar coa ameaza do lobo

Publicado o 28/10/2019 14:12

Nun monte de Fontecova, en San Pedro de Viveiro, o lobo matou dous becerros, segundo denunciou a súa propietaria. Cuns danos valorados nuns 2.000 euros, foi un dos últimos ataques sufridos polo gando na contorna. Os gandeiros afectados aseguran que chegan a ver os lobos entre as casas e denuncian que tanto os xatos coma os poldros son atacados a cada pouco, o que lles ocasiona importantes perdas económicas.

"Hai quince días o lobo comeume dous tenreiros. E hai outras dúas semanas, a vinte metros da miña casa, onde hai máis casas, topeime co lobo ás oito e media da mañá. no medio das casas. O lobo, medo, ningún", di Belén Rolle, gandeira.

"O lobo estanos comendo a nosa produción e estamos moi afectados con iso. A min o ano pasado matoume 30 cabezas, 24 poldros e 6 tenreiros, e neste ano levo 15. Por tanto, opoñémonos a que isto poida continuar desta maneira", lamenta Francisco Galdo, presidente dos comuneiros de San Pedro de Viveiro.

Co fin de frear os constantes ataques do lobo, os gandeiros desta parroquia viveirense solicitáronlle á Xunta que autorizase batidas na zona. Varios meses despois, seguen sen resposta, e as perdas continúan a acumularse.

"É un desastre. Queren que quedemos no medio rural, pero é que así non nos axudan á xente nova a quedar. Mórreche un tenreiro e aló vai a ganancia", queixase Belén.

"Eu non digo que se maten os lobos, pero que autoricen a matar algo. Aquí, nesta parroquia, incluso está no medio das casas. E viuse. Eu teño aquí esta gandería pero a maior parte téñoa arriba. Non podemos, de ningunha maneira, seguir os gandeiros no rural. Non se pode. Os meus fillos están totalmente desanimados para seguir coa gandería. A nosa produción lévanola o lobo", di o presidente dos comuneiros.

En San Pedro de Viveiro hai vinte comuneiros. O que máis, o que menos, todos sofren perdas debido aos ataques do lobo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/10/2019