CRTVG

Buscar

A Revista

Gandeiros de toda Galicia aproveitan o bo tempo para rematar a colleita da herba e apurar a sementeira do millo, que vai cun mes de atraso

Publicado o 22/05/2018 13:26

Os gandeiros están a apurar estes días, cando o tempo llelo permite, para rematar a colleita de herba e apurar a sementeira do millo forraxeiro, os dous cultivos máis importantes para a alimentación do gando de leite. Porque tras unha primavera moi chuviosa que impediu aos tractores entrar nas leiras, xa lle vai cumprindo. Achegámonos ás cooperativas Aira, en Lugo, e CUMA de Xallas e Barcala, na Coruña, para coñecer como están a desenvolver estes traballos.

Estes días as máquinas non paran por toda Galicia. É o caso da cooperativa Aira, que na actualidade abrangue a 2.500 socios de todo o sur e centro da provincia de Lugo e do norte da provincia de Pontevedra. Conta cun parque de maquinaria para dar servizo ás necesidades dos seus socios e este ano teñen previsto xestionar 4.000 hectáreas de millo e 14.000 de herba, a súa prioridade nestes momentos, xa que a campaña vai moi atrasada debido a chuvia da primavera:

Héctor Ledo, responsable do parque de maquinaria da cooperativa Aira

Este ano a sementeira do millo está indo case cun mes de retraso respecto dun ano normal, o que motivou que sustituiran os ciclos longos que estaban a empregar nos últimos anos por ciclos medios, de entre 260 e 300, con idea de poder recollelos entre a última quincena de setembro e a primeira de outubro. Para este ano preveen un aumento considerable da superficie de millo na súa zona, despois de varios anos de retroceso por varias razóns.

E de Lugo trasladámonos á Coruña. Aquí as 8 explotacións socias da CUMA de Xallas e Barcala decidiron facer a xestión conxunta das súas forraxes a través do centro de alimentación de FORXABAR, donde ensilan os seus cultivos en común e preparan as racións para alimentar diariamente a máis de 3.000 animais. Con toda a herba xa recollida e ensilada, agora están a apurar os traballos de fertilización e laboreo para poder sementar o millo o antes posible.

Xan Ramos, presidente da CUMA de Xallas e Barcala

Teñen previsto sementar máis de 600 hectáreas de millo, e do mesmo xeito que ocorría na cooperativa Aira, este ano van optar por plantar millos de ciclos entre 260 e 300, máis curtos ca os habituais, para asegurar a colleita.

Herba e millo son fundamentais para os gandeiros, xa que compre ter en conta que a alimentación supón máis da metade dos gastos dunha granxa de leite, polo que cantas máis forraxes produzan nas súas terras, menos dependerán da compra de alimentos de fóra.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

22/05/2018