CRTVG

Buscar

Gandeiros de Mañón perden ducias de animais por ataques do lobo nos últimos meses

Publicado o 08/10/2021 13:12

Na serra da Faladoira os lobos estan a ocasionar estragos no gando que vive delimitado en parcelas no concello de Mañón. Máis de 30 veciños xuntáronse canda varios gandeiros damnificados para dicirlles aos gobernantes que a xestión que fan nesta materia lles é ruinosa e pon en risco o mantemento dunha actividade que revive o rural.

Rosa Lois, de Gandería Toñita das Grañas: "Este ano o primeiro ataque foi en maio. Feriunos unha becerra que aínda está sen curar. En xuño outro ataque que nos matou tres burros. En xullo, unha becerra. E este luns catro becerras, dous feridos e dous mortos".

Manuel Ramudo, propietario de Ganados Valencia, di: "Nos últimos dous meses matoume así como vinte animais, entre becerros e poldros e algo de todo. Os de antes xa non os conto. Eses son de tres meses para aquí. Sobre 12.000 euros, aproximadamente".

Outro gandeiro das Grañas, Martín Rego di: "Matáronme unha vaca e un becerro. Este como era acabado de nacer e estaba sen crotal tamén tiven problemas para que mo pagaran".

Outra das queixas está nas indemnizacións da Xunta por baixas que ocasiona o lobo. Dín que lles denegan moitas e as outras chegan tarde. José xa desistiu de seguir.

Para os damnificados é incomprensible que os animais mortos haxa que incineralos en vez de botarllos de comida aos lobos e evitar algún ataque. Sosteñen que a protección inadecuada trouxo unha sobrepoboación deses cánidos que mesmo dá lugar á ironía para a reconversión de gandeiros.

Manuel Ramudo engade que "en vinte quilómetros, tres ou catro ataques na noite e matar sete ou oito. Iso non ocorreu nunca na vida nin debería ocorrer. Pero, é o que hai". E Rosa Lois, que na mañá deste venres se atopou co terceiro becerro morto polo lobo nesta semana conclúe"Poden convivir lobo e gandeiros, pero non desta maneira. Porque así os gandeiros desaparecemos".

Noticias web

08/10/2021