CRTVG

Buscar

Galicia votará con máscara: así é o plan da Xunta para as eleccións do 12-X

Publicado o 27/05/2020 16:10

• O Goberno galego vaille propoñer á xunta electoral que os maiores de 65 anos e as persoas vulnerables poidan evitar ser membros dunha mesa

• Galicia non pide o pase á fase 3, pero reclama medidas de flexibilización da 2

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, presentaron esta mañá o plan do Goberno galego para que as votacións do 12 de xullo se desenvolvan coas "máximas garantías de seguridade".

O protocolo, que será aprobado polo Consello da Xunta deste venres, presentarase esta tarde aos concellos.

Estas son as súas ideas básicas:

Será obrigatorio acudir con máscara a votar. Se o elector non dispuxese dela, poderá usar as máscaras que se facilitarán no local de votación.

Os colexios electorais dispoñerán tamén de xeles hidroalcólicos para que os votantes os usen antes de votar. 

• Nos locais de votación haberá tamén guantes á disposición das persoas que sexan alérxicas aos xeles hidroalcólicos.

Os membros das mesas terán á súa disposición varios xogos de máscaras para que as poidan ir cambiando co avance da xornada. Tamén dispoñerán de pantallas faciais e xeles hidroalcohólicos.

• Ademais, vanse colocar bandexas para mellorar a identificación dos electores e para minimizar o intercambio de obxectos.

A Xunta vaille recomendar á Xunta Electoral que as persoas maiores de 65 anos ou que formen parte dun colectivo vulnerable poidan alegar estes motivos para non formar parte das mesas.

• Nos colexios deberán gardarse as distancias de seguridade, crearanse fluxos de entrada e saída e estableceranse cal será a cantidade máxima de persoas que poden estar no interior en función do tamaño do colexio.

• Haberá un esforzo adicional para manter a limpeza nos centros: haberá persoal de limpeza de forma permanente para facer desinfeccións frecuentes.

A Xunta asumirá o gasto destas medidas e creará un grupo de entre 130 e 140 profesionais para supervisar os procesos de aquí á xornada electoral.

O Goberno galego propoñeralle á Xunta Electoral que se fomente o voto por correo e que se eviten na medida do posible os desprazamentos para realizar trámites.

En canto aos residentes ausentes, a Xunta propoñerá que se poidan conservar os trámites xa realizados nos consulados por aquelas persoas que se dispoñían a votar nas eleccións anuladas do 5 de abril.