CRTVG

Buscar

Galicia volve rexistrar máis de 700 contaxios e dispárase a presión asistencial (+47)

Publicado o 11/01/2021 09:48

A área sanitaria da Coruña rexistra a maior suba, con 151 contaxios

• As hospitalizacións aumentan: 397 en planta (+37) e 71 nas UCI (+10)

• A taxa de positividade continúa en cifras elevadas: 7,79 %

Galicia volve rexistrar máis de 700 contaxios e dispárase a presión asistencial (+47)

A repunta de contaxios continúa coa súa traxectoria ascendente. Nos últimos sete días, Galicia sumou 4.705 contaxios, que se traduce en 2.259 casos activos máis dende hai unha semana.

Segundo os últimos datos do Sergas, hai 8.250 casos activos no país, 455 máis ca onte, logo de 702 contaxios novos, 627 confirmados por PCR.

Por áreas sanitarias, a repartición dos casos activos é a seguinte:

• A Coruña: 1.944 (+113)

• Santiago: 1.679 (+37)

• Vigo: 1.484 (+87)

• Ourense: 1.040 (+93)

• Lugo: 778 (+27)

• Pontevedra: 758 (+22)

• Ferrol: 567 (+76)

As hospitalizacións dispáranse

Volven aumentar as hospitalizacións, esta xornada coas peores cifras dos últimos días: son 468397 en planta (+37) e 71 nas UCI (+10). Son niveis de finais de novembro, de cando a curva de persoas ingresadas nos hospitais descendía logo dunha forte repunta durante ese mes.

A cifra de vítimas acada as 1.450, logo da notificación do pasamento de cinco persoas por mor da covid-19.

A positividade, por riba do 7,5 %

Continúa máis ou menos no ritmo dos últimos días o número de probas PCR realizadas: 8.049, 817 menos ca onte. É a terceira xornada consecutiva por riba das 8.000.

 

Delas, deron positivo 627, coa área sanitaria da Coruña á cabeza (151) e a de Vigo de segunda (111).

No que respecta á positividade, esta segue alta. Hoxe as cifras do Sergas revelan un 7,79 % de positividade, pouco máis ca onte (7,46 %). Levamos con esta xornada dúas semanas cunha positividade por riba do 5 % de xeito ininterrompido.

Mapa de incidencia acumulada