CRTVG

Buscar

Galicia vaise recuperando da seca tras as últimas chuvias

Publicado o 09/02/2018 21:13

• As 19 concas que xestiona Augas de Galicia quedan fóra da alerta por seca pasando ao estado de prealerta

 

Alivio para os encoros e para os galegos porque dende hoxe, a alerta pola seca convértese en prealerta. As 19 concas que xestiona Augas de Galicia quedan fóra da alerta por seca pasando ao estado de prealerta tras as reunións das oficinas técnicas. Os galegos poden respirar tranquilos porque todos os encoros de abastecemento atópanse dentro dos niveis habituais que rozan o 75% da súa capacidade. Unhas cifras similares aos da última década. 

As únicas zonas que aínda non recuperaron a normalidade son A Limia, O Baixo Sil e Cabe xestionadas pola Confederación Hidrográfica. Nesta conca, os encoros están no 53 por cento do seu volume.A pesar das boas noticias, desde Augas de Galicia insisten en que hai que seguir fancendo un uso responsable da auga porque a situación pode reverter en calquera momento, se o tempo volve ser seco.

As precipacións de decembro e de xaneiro axudaron a recuperar o nivel dos encoros, ata o 75 por cento, e mesmo parte das augas subterráneas, se ben é certo que os caudais dos ríos aínda non se recuperaron ao 100 por cento. Por iso se mantén a prudencia nos 19 sistemas da demarcación Galicia-Costa con alerta previa.

Na demarcación Miño-Sil, a cargo da Confederación Hidrográfica, as zonas da Limia, do sur do Sil e de Cabe, non poden abandonar aínda esa alerta por seca cuns encoros que pouco pasan do 53 por cento. A recuperación dos acuíferos permitirá utlizar a auga para os regadíos nos vindeiros meses.

Pero todo pode cambiar se deixa de chover de novo. Tan doado coma iso. Por iso, tanto dende Augas de Galicia, como dende a Confederación Hidrográfica seguen a insistir en facer un uso responsable da auga. Cidadáns, empresas e institucións deberemos ter cautela, polo menos ata que pase a primavera e vexamos se en abril hai augas mil.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/02/2018