CRTVG

Buscar

Galicia treme de frío, con neve en cotas baixas da montaña de Lugo e Ourense

Publicado o 02/01/2021 14:27

A cota de neve descendeu esta sábado ata os 500 metros. Impresiona ver a torada que deixou esta madrugada nos cumios máis altos da montaña tanto de Ourense coma de Lugo. Unha paisaxe invernal para esta primeira fin de semana do ano que moitos están a aproveitar para gozar dun día en familia en plena natureza, pero ben abrigados, porque os termómetros marcaron temperturas baixo cero en varios puntos de Cabeza de Manzaneda.

A neve calla en Lugo a partir dos seiscentos metros de altitude

Cumpríronse as previsións. O ano comezou cuberto de branco na montaña de Lugo. A neve callou en cotas baixas, a partir dos seiscentos metros e presenta xa un manto groso.

Hai preto de cincuenta centímetros de neve, é toda unha invitación para aqueles aos que lles gusta gozar deste manto branco.

O poboado do Cebreiro presenta unha estampa propiamente invernal. Camiñar ou escorregar aproveitando os desniveis son unha opción para pasar o día.

A neve durará aínda varias xornadas porque se agarda que calle a partir dos seiscentos metros de altitude.
As estradas principais están abertas. Iso si, hai que extremar as precaucións.

As máquinas quitaneves manteñen despexados os camiños. Aínda así, no Cebreiro varios vehículos precisaron axuda para saír debido á capa de neve amoreada.
A peor cara da nevarada está en Cervantes, onde se mantén cortada unha vía de acceso ao Piornedo por un desprendemento de terra.

Noticias web

02/01/2021