CRTVG

Buscar

Galicia ten 42 concellos con máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes

Publicado o 12/01/2021 21:02

Un total de 42 municipios galegos superan os 500 casos por 100.000 habitantes. Na provincia de Pontevedra, o concello cunha maior incidencia acumulada é Pontecesures. Na provincia da Coruña, Vimianzo é o que presenta os peores datos.

A incidencia acumulada en Vimianzo supera os 1.500 casos por 100.000 habitantes. É a máis elevada da provincia da Coruña. Os cribados e as restricións non conseguiron, polo momento, conter a expansión do virus. Nos últimos catorce días, o concello sumou un cento de novos contaxios.

Preocupa o gromo da residencia Domus Vi do municipio onde se rexistrou un novo falecemento. Hai 95 persoas afectadas, entre residentes e persoal.

Na provincia de Pontevedra, o concello cunha maior incidencia acumulada é Pontecesures. Rexistra máis de 1.300 casos por 100.000 habitantes. Son gromos familiares que poden ter a súa orixe nas xuntanzas de Nadal. Están localizados pero son numerosos.

Para tentar frear os contaxios, o alcalde xa solicitou a realización dun cribado masivo. "De toda a hostalería e todo o comercio para tentar determinar se pode ser ou está sendo, no noso concello, un vehículo de transmisión importante", explica Juan Manuel Vidal, alcalde de Pontecesures.

Pontecesures, ata o de agora no nivel máis baixo de restricións, prepárase para afrontar limitacións máis severas. En plena campaña da lamprea, temen sobre todo, un peche drástico da hostalería.

Noticias web

12/01/2021