Galicia supera os mil mortos por covid-19
• Preocupa a presión asistencial e hospitalaria, con 33 ingresos nun día, que fan un total de 605
• Nun mes triplicáronse os enfermos críticos
Galicia superou a cifra dos mil falecidos por covid-19 desde o inicio da pandemia. Aínda que a cifra de contaxios se desacelerou e os casos diarios continúan en descenso, preocupa que se incrementan as hospitalizacións. Hai máis de 600 ingresados por covid-19 nos hospitais galegos.
Sanidade actualizou a cifra de falecidos do reconto da fin de semana. Vinte e unha mortes máis, que elevan a cifra total en Galicia desde o inicio da pandemia a 1.009 falecementos. Morreron 369 na segunda vaga do virus. Só nos últimos dez días morreron 100 persoas.
Aínda que os expertos coinciden en que a letalidade desta segunda vaga, é dicir, a porcentaxe de contaxiados que morren, é inferior ca a da primeira, preocupa a día de hoxe a presión asistencial e hospitalaria. Trinta e tres ingresos nun día. Hai 605 ingresados, 94 nas UCI. Nun mes triplicáronse os enfermos críticos.
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Temos que esperar para que diminúan os positivos coas medidas e unha semana ou dúas despois diminúan as hospitalizacións en planta e na UCI".
O dato positivo é que se desaceleran os contaxios, sobre todo nas cidades que están pechadas.
Nas últimas 24 horas notificáronse 399 novos positivos. Baixan os casos en case todas as áreas sanitarias. Na de Ourense a incidencia está por debaixo da media galega.
Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco: "Despois de ser durante moito tempo a área sanitaria con maior volume de casos activos, somos a área sanitaria con menos casos activos, pero isto non debe relaxarnos en absoluto porque xa vemos as consecuencias dese aumento de casos activos producidos semanas atrás: unha alta cifra de hospitalizados, unha alta cifra de persoas en UCI e, desgraciadamente, un alto número de persoas falecidas".
Desde Sanidade insisten en pedir prudencia antes de valorar se as restricións postas en marcha en boa parte de Galicia van conseguir dobregar a curva de contaxios.
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Hai que seguir pendentes. É moi pouco tempo desde que puxemos en marcha as medidas o sábado e das medidas da semana anterior".
A área sanitaria da Coruña-Cee é a que notificou máis contaxios nas últimas horas. Tamén a que ten máis hospitalizados por covid-19, tanto en planta como en unidades de críticos.
Baixa o número de concellos en alerta vermella. Hoxe son 45. Súmase Cee, pero descenden a alerta laranxa Santiago, Ordes e Noia, na provincia da Coruña; O Carballiño e Verín, na de Ourense, e Soutomaior, na de Pontevedra.