CRTVG

Buscar

Galicia supera os 4.000 contaxiados con coronavirus e a cifra de mortos ascende a 115

Publicado o 01/04/2020 20:01

• Nas últimas 24 horas 72 pacientes foron dados de alta

• Baixa o número de hospitalizados e aumenta o de doentes no seu domicilio

• A Xunta destaca que a proporción de mortes respecto de contaxios, dun 2,3 %,  é a máis baixa das autonomías

Persoal sanitario nas Urxencias do HULA

115 persoas infectadas con coronavirus faleceron en Galicia, 19 máis ca no anterior reconto oficial do Servizo Galego de Saúde.

A cifra de contaxiados é de 4.058 persoas. Delas, 955 son da área de Vigo, 906 da área da Coruña, 581 da de Santiago, 559 da de Ourense, 456 da de Lugo, 382 da de Pontevedra e 219 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 157 permanecen na UCI, dez máis ca onte. Baixou o número de persoas en unidades de hospitalización, ao pasar de 822 a 807, e incrementouse ata 3.094 o número de pacientes que están no seu domicilio (onte eran 2.789).

O que tamén se incrementou considerablemente foi o número de altas, ao pasar de 187 no día de onte a 259 no rexistro oficial.

Continúa, así mesmo, medrando, o número de probas do virus realizadas. A día de hoxe lévanse realizadas 19.332, case dúas mil máis ca onte, priorizándose a proba para os usuarios de residencias de anciáns.

En canto á distribucións das mortes rexistradas, a área da Coruña conta 37; Vigo, 21; Ourense, 18; Santiago, 14; Lugo, nove, e Ferrol, oito.

As últimas vítimas rexistradas son catro homes de 79,70,78 e 90 anos que estaban ingresados no hospital Álvaro Cunqueiro; dous de 92 e 86 ingresados no CHUAC; un de 86 ingresado no hospital Virxe da Xunqueira de Cee; dous de 71 e 91 ingresados no HULA; e unha muller e un home de 85 e 88 ingresados no CHUO.

Desde a Consellería de Sanidade destacan que Galicia ten a taxa de letalidade (porcentaxe de falecidos respecto a contaxiados) máis baixa de todas as comunidades autónomas, cun 2,32 por cento. A media estatal é do 8,86 por cento.

Galicia supera o cento de falecidos por coronavirus. Desde o 14 de marzo día en que se rexistrou a primeira vítima mortal ata este mércores faleceron en Galicia 115 persoas. Desas 115 máis da metade tiña máis de oitenta de anos.

Malia superar o cento de falecidos, a taxa de mortaldade en Galicia é unha das máis baixas do Estado. Sitúase no dous por cento, seis puntos e medio por baixo da media de España . Ademais de superar o cento de mortes, este mércores a nosa comunidade rebasou os catro mil positivos. Son, segundo a última actualización 4.058 casos. Do total de casos, tres mil, que respresentan o 75 por cento dos pacientes non precisan hospitalización polo que pasan a enfermidade na casa. O 20 por cento dos positivos está ingresado en planta convencional, e o 5 por cento dos casos, que son 157 pacientes están na Unidade de Coidados Intensivos.

Como cada xornada, as boas novas son as altas. En Galicia están curadas 259 persoas. Medran as altas e tamén o número de probas para diagnosticar o coronavirus. Na nosa comunidade son máis de 19.000. Este mércores coñecemos a incidencia da COVID-19 nos corpos de seguridade, un dos colectivos na primeira liña de actuación fronte ao coronavirus. En Galicia deron positivo 22 policías nacionais e 18 gardas civís