CRTVG

Buscar

Nove falecidos nunha xornada en que Galicia suma case 1.900 novos contaxios

Publicado o 23/01/2021 20:23

A área da Coruña confirma máis de 400 novos casos por PCR

• A presión hospitalaria segue en aumento, con 35 novos ingresos

Nove falecidos nunha xornada en que Galicia suma case 1.900 novos contaxios

Sanidade notificou a morte de 9 persoas por mor da covid-19 nas últimas horas. Trátase dun home de 57 anos que faleceu no CHUAC; unha muller de 83 que morreu no hospital público da Mariña e que procedía do asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo. Tamén morreu outro home de 86 no hospital público de Monforte. Unha muller de 70 anos faleceu no CHOP. No CHUVI faleceron 3 persoas, unha muller de 83 anos e dous homes de  84 e 59. O CHUF tamén rexistrou nas últimas horas dúas novas mortes: a dun home de de 75 anos e outro de 86. Con estes datos a cifra total de falecidos dende o inicio da pandemia ascende a 1.608 na nosa comunidade.

Galicia bate unha nova marca en contaxios e casos activos. Tras rexistrar 1.889 novos positivos, 1.515 confirmados por PCR, a cifra total de casos activos ascende a 18.286. Mentres tanto, a presión hospitalaria segue en aumento con 35 novos ingresos, 5 deles na UCI. Os hospitais galegos contan arestora cun total de 967 persoas ingresadas por mor da covid-19.

No tocante ás probas confirmadas por PCR, A Coruña é a área sanitaria que rexistra un maior número con 433. Séguelle Vigo, con 299. Preocupa tamén Ourense, que se sitúa no terceiro posto, con 179. 

A repartición dos casos activos por áreas sanitarias é a seguinte:

• A Coruña: 4.826 (+412)

• Vigo: 3.349 (+196)

• Ourense: 2.568 (+155)

• Santiago: 2.947 (+104)

• Lugo: 1.545 (+96)

• Pontevedra: 1.579 (+94)

• Ferrol: 1.472 (+104)

 

A positividade continúa no 12 %

Do total das 12.332 probas notificadas, deron positivos 1.515. Isto supón unha positividade do 12,28 %.