CRTVG

Buscar

Galicia supera os 1.500 casos activos e a área da Coruña mantén o ritmo de contaxios

Publicado o 18/08/2020 11:42

• Soben a 11 os usuarios contaxiados en residencias (+3)

• Despois da área da Coruña, a de Ourense é a que máis medra (+17)

Galicia chega aos 1.505 casos activos. A área da Coruña volve ser de novo a que máis casos activos rexistra, debuxando unha curva de pendente significativa que a sitúa a niveis de finais de abril.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.505, deles 921 son da área da Coruña (+70), 113 da de Lugo (+3), 131 da de Ourense (+17), 75 da de Pontevedra (+5), 139 da área de Vigo (=), 67 da de Santiago (+4), e 59 da de Ferrol (+6).

Novos gromos

Pertencen á área de Santiago dous novos gromos detectados en Melide con 7 positivos: un matrimonio e o fillo e un grupo de 4 amigos, menores de 30 anos.

As autoridades sospeitan que este foco pode estar relacionado co ocio nocturno e a actitude irresponsable dalgúns. Proba disto son os abondosos vídeos en redes sociais de locais ateigados de xente, moita sen medidas de seguridade e protección.

Esta situación, sumada ao mal tempo, levaron ao concello a suspender todas as actividades programadas co gallo das festas do San Roque. Mentres seguen rastrexando un cento de contactos dos infectados para frear o gromo.

 

Cando foi a última vez que se rexistraron datos semellantes en cada área sanitaria?

Se botamos a vista atrás, estas son as datas en que se alcanzaron ou superaron máis recentemente as cifras que temos hoxe:

  • A Coruña, o 29 de abril (880)*.
  • Pontevedra, o 16 de maio (93).
  • Ferrol, o 16 de maio (65).
  • Ourense, o 22 de maio (141).
  • Santiago, o 11 de xuño (92).
  • Vigo, o 21 de xuño (140).
  • Lugo, o 20 de xullo (136).

*É importante sinalar que nese día, o 29 de abril, o Sergas pasa 3.421 casos activos a curados (altas domicialiarias) tras revisar as historias clínicas de centos de tratados en casa. Ese día engádense de golpe 3.552 curados. Por iso as curvas caen tan abruptamente chegado ese punto.

Baixan as hospitalizacións

 Pese ao aumento de casos activos constante, os hospitais seguen a manter en planta un número baixo de pacientes -en comparativa cos sufridos en marzo, abril e maio-. Polo de agora, en Galicia, do total de pacientes positivos, 6 permanecen en UCI (+1), 55 en unidades de hospitalización (-2) e 1.444 no domicilio (+106). No que vai de pandemia, en Galicia hai un total de 11.625 persoas curadas, rexistrándose 625 falecementos.