CRTVG

Buscar

Galicia supera o millar de casos activos tras a maior suba (+115) en 22 días

Publicado o 14/08/2020 11:37

• O maior incremento, unha vez máis, na área da Coruña (+74)

• Non hai ninguén nas UCI nin usuarios contaxiados en residencias

Galicia volve superar o limiar dos mil casos activos tras a maior suba rexistrada nos últimos 22 días (+115), segundo notificou a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Non se rexistraban cifras semellantes dende o 20 de maio.

Xa son 1.053, deles 618 son da área da Coruña, que continúa a ser a máis afectada. Polo resto de áreas, son 99 da de Lugo (+6), 73 da de Ourense (+13), 52 da de Pontevedra (+1), 134 da área de Vigo (+16), 42 da de Santiago (-1), e 35 da de Ferrol (+6).

Balance de datos e gromos

Despois da Coruña, Vigo mantense como a segunda área con máis contaxiados: 134. Nas Neves tiveron que pechar o centro de día ao dar positivo unha usuaria. Hai máis de 20 persoas illadas por precaución.

Novas tranquilizadoras volven chegar da área sanitaria de Lugo, porque as 145 probas feitas onte aos xornaleiros que traballaban na mesma explotación que os 6 infectados de Castro de Rei deron negativo.

Pero xurdiu outro gromo en Cospeito. Hai 10 persoas infectadas. Ao parecer puideron contaxiarse nun xantar familiar ao que acudiu un parente da Coruña que deu positivo. Unha das contaxiadas é traballadora de axuda no fogar polo que están en corentena as 5 vivendas que atendía. A proximidade dos casos pon en alerta á veciñanza.

Seguen aumentado tamén os contaxios en Ourense. Transcenderon dous novos gromos que afectan 10 persoas de 2 familias diferentes en Barbadás. Os veciños apelan á responsabilidade e a manter a calma.

Na área de Pontevedra só se rexistrou un caso activo máis ca onte, e son 52. En Santiago contabilízase un menos, 42, e Ferrol multiplicou por 7 o número de contaxios da semana pasada. Hai 35 casos. Moitos deles pertecen ao gromo detectado nun campamento de verán de Cerdido.

Ferrol, de ser unha área sanitaria "libre de covid" por dez días, pasou a encadear varias xornadas de importantes subas -respecto ao seu total de casos activos-, que aproximan a área ás cifras da de Santiago.

A Coruña, en aumento

A suba de 74 novos casos activos na área eleva a cifra a 618 na zona, o que é máis do triplo do pico da curva na área sanitaria de Lugo durante o gromo da Mariña, 203 casos activos o 11 de xullo.

Menor aumento en hospitalizacións

Os datos en canto a hospitalizacións son máis esperanzadores respecto ao dos contaxios. Do total de pacientes positivos, 42 están en unidades de hospitalización e 1.011 no domicilio. Rexistrouse unha nova hospitalizacións, mais xa non hai ningún paciente en UCI.

Outro dato positivo é que polo de agora non hai usuarios contaxiados en residencias.

En Galicia hai un total de 11.527 persoas curadas, rexistrándose 623 falecementos. Hoxe non se notificaron falecementos.