Galicia supera o millón de persoas coa pauta completa da vacina contra a covid-19
Galicia superou este luns o millón de persoas que xa teñen posta a pauta completa da vacina contra a covid-19, segundo informa o Servizo Galego de Saúde.
Deste xeito, o proceso de vacinación avanza co 42 por cento da poboación galega que xa está inmunizada ante o coronavirus e un 64 por cento polo menos a primeira.
Ata o momento, en Galicia administráronse preto de dous millóns e medio de doses da vacina, dalgunha das catro autorizadas para a súa distribución. Segundo os últimos datos oficiais, son en total 1.011.013 os galegos que xa teñen a pauta completa. A barreira do millón superouse este luns na área sanitaria de Lugo.
Esta semana, o Sergas prevé dispensar un total de 240.000 vacinas, seguindo coa administración de primeiras doses para o colectivo entre os 40 e os 49 anos. É o grupo que máis está costando inmunizar, porque é o máis numeroso, e porque é tamén no que máis faltan á cita. "É xente que por temas laborais, coidado de fillos ou dependentes ten máis dificultade para acudir á cita na data sinalada", sinala María José Parrado, Coordinadora de vacinación na Cidade da Cultura,
O Sergas está citando xa todos os maiores de 60 anos e colectivos esenciais que están pendentes da segunda dose de AstraZeneca. Son uns 200.000 galegos, que van completar a pauta unha semana antes do previsto. Este luns empezaron xa a vacinarse nas sete áreas sanitarias. "Estase adiantando un pouco a segunda dose co obxectivo de minimizar o impacto da nova variante delta", explica María José Parrado, coordinadora da vacinación na Cidade da Cultura.
Cos chamados a vacinarse esta semana está previsto que se superen xa os dous millóns e medio de doses administradas en Galicia desde o inicio do proceso de vacinación
A principios de xullo comeza a inmunización do seguinte tramo de idade: menores de 40 anos. Neste caso, empregarase un sistema mixto de citación. A Administración vai continuar cos chamamentos, pero ofrécese a opción de solicitar unha data concreta a través de Internet.