CRTVG

Buscar

Galicia supera as 9.000 infeccións por covid e ten unha repunta nas UCI

Publicado o 17/07/2021 20:17

• Os casos activos ascenden a 9.417, 1.098 máis en 24 horas

• Hai 20 pacientes nas UCI, seis máis que a xornada anterior

• A área de Vigo supera as 2.100 infeccións de covid

Galicia supera as 9.000 infeccións por covid e ten unha repunta nas UCI

Terceira xornada consecutiva por riba do milleiro de contaxios na que xa é a quinta vaga en Galicia da covid, que semella que non dá tregua. Os datos mostran que a transmisión segue sen control. Os últimos datos do Sergas das 18 horas do venres cifran en 9.417 as persoas co virus,  1.098 máis que 24 horas antes. Achegámonos xa ao pico da segunda vaga en novembro.

Detectáronse 1.338 novos positivos nas probas realizadas, que son tres menos que a xornada anterior. A incidencia acumulada a 14 días aumenta en Galicia 42 puntos na última xornada ata os 321,15 casos por cada cen mil habitantes.

A presión asistencial ofrece unha de cal e outra de area. Baixan os hospitalizados en planta e son 79, tres menos, pero pola contra os ingresos nas UCI galegas aumentan ata 20, seis máis que 24 horas antes. Así, os pacientes hospitalizados por covid en Galicia rozan xa o cento, e son 99, tres máis.

Nas últimas horas non se notificaron novas mortes por parte de Sanidade, polo que se mantén en 2.442 a cifra total de falecidos dende o inicio da pandemia en Galicia. O último falecemento rexistrouse o venres; tratábase dun home de 73 anos que morreu no hospital de Ourense.

Situación por áreas sanitarias

As infeccións por covid soben en todas as demarcacións sanitarias. O maior incremento de casos é na de Vigo con case 300 máis que a xornada anterior.  Santiago e Lugo son as únicas xerencias que teñen as UCI libres de pacientes de covid.

Vigo: 2.130  (+285)

Ourense: 1.778  (+161)

A Coruña: 1.517  (+187).

Pontevedra: 1709  (+159)

Santiago: 1.137  (+161)

Lugo: 797  (+97)

Ferrol: 349  (+48)