CRTVG

Buscar

Galicia súmase ás protestas do ocio nocturno en España contra o peche dos negocios

Publicado o 23/09/2020 21:01

Empresarios e traballadores do ocio nocturno de toda España iniciaron esta tarde unha protesta á que tamén se sumaron en Galicia. Permanecerán pechados no interior dos seus locais en contra das restricións e o peche dos seus negocios por mor da pandemia. A protesta comezou ás 7 da tarde e prolongarase ata as 7 da mañá.

O xerente da sala coruñesa Filomatic, Lorenzo Barro, denunciou este mércores a situación “sumamente inxusta” en que se atopa o sector do lecer nocturno durante unha protesta na que permanecerá encerrado doce horas no seu local xunto a cinco traballadores. O lecer nocturno de Galicia sumouse á protesta organizada polo sector no Estado a través de dous locais: a sala Cuarenta de Vigo e a sala Filomatic da Coruña, que, baixo o lema “Insomnio: Quitástesnos o sono”, reivindican un plan de rescate para o seu sector, afectado polo peche decretado polo Goberno para evitar contaxios. O empresario indicou que os locais permanecen pechados “inxustamente”, pois “non houbo ningún contaxio na hostalería nocturna”. Por iso, este empresario, ao que lle cortaron a luz do seu local, demandou “axudas para poder sobrevivir” e denunciou que queda “unha semana de vixencia dos ERTE”. “Se non os prorrogan desaparecerán os locais e todas as familias que viven deles”, agregou.

O presidente de Galicia de Noite, Luís Diz, indicou a Efe que a protesta se realiza só en dous locais galegos pola situación sanitaria.

Hoxe tamén se coñeceu que a Audiencia Nacional rexeitou a suspensión cautelar do peche de discotecas, salas de festas, bares de copas e restaurantes. Basea a súa decisión na situación epidemiolóxica.

Noticias web

23/09/2020