CRTVG

Buscar

Galicia suma nove falecidos e albisca os 10.000 casos activos

Publicado o 05/11/2020 20:45

A curva de contaxios de coronavirus segue aumentando en Galicia, que xa se achega aos 10.000 casos activos. Unha vez máis, Vigo é a área sanitaria onde se detectaron máis contaxios diarios. Aumenta a presión hospitalaria e o goteo diario de vítimas mortais. O Sergas acaba de informar da morte doutras nove persoas (cinco en residencias de maiores), que eleva a 969 o total de falecidos na pandemia.

Os falecementos son os dun home de 96 anos no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), unha muller de 89 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) que procedía da Residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, unha muller de 85 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e un home de 86 no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).

Tamén unha muller de 89 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) que procedía da residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia e un home de 84 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

En centros residenciais morreron un home de 99 anos en Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, unha muller de 80 na residencia de maiores de Salvaterra de Miño (Pontevedra) e unha muller de 95 na Residencia Nosa Señora dos Miragres de Barbadás. Todas estas persoas tiñan patoloxías previas, segundo o servizo galego de saúde. 

734 novos contaxios e 9.895 casos activos
Segue ascendendo a curva de contaxios diarios en Galicia. Sumou 734 positivos confirmados por proba PCR, un cento máis ca na xornada anterior. E a pesar das altas, a cifra de casos activos achégase aos 10.000.

577 hospitalizados e 969 falecidos (nove nas últimas horas)
Co incremento dos contaxios aumenta tamén a presión asistencial e hospitalaria. Hai 577 persoas ingresadas. Delas, 79 están en unidades de críticos.

Unha vez máis Vigo é a área sanitaria onde se produciron máis contaxios diarios, 240 nunha xornada en que case se duplicou a realización de probas. Esta área sanitaria e a de Pontevedra só teñen unha incidencia acumulada inferior á de Ferrol. Practicamente igualan a de Ourense, onde segue decrecendo o ritmo de contaxios.

1.256 casos en 608 centros: 54 aulas e un centro pechados.

Nas escolas infantís e no ensino non universitario hai 1.256 casos de covid−19 en 608 centros educativos. Soben a 54 as aulas en corentena e está pechada unha escola infantil de Lugo. Preocupa o gromo detectado no colexio Apóstolo Santiago de Vigo, con 19 casos activos e 200 alumnos confinados.

Estabilizase a incidencia da covid−19 nas residencias de maiores do país. Tras sete altas e dous falecementos, había 696 casos activos nos xeriátricos, a mesma cifra ca na xornada anterior. Son 439 usuarios e 257 empregados.







 

Noticias web

05/11/2020