CRTVG

Buscar

Francia entra no rexistro obrigatorio de viaxeiros da Xunta, do que saen catro comunidades

Publicado o 23/02/2021 21:00

O Goberno galego actualizou a listaxe de territorios de rexistro obrigatorio para os viaxeiros que visiten a comunidade autónoma. Á ferramenta incorpóranse varios países, entre eles Francia, e saen dela un total de catro comunidades autónomas españolas. Deste xeito, a relación de territorios de obrigatoria comunicación que publica este martes o Diario Oficial de Galicia (DOG) reduce o número de autonomías das que hai que informar, xa que saen da listaxe Castela-A Mancha, Estremadura, A Rioxa e Murcia.

Permanecen outras nove comunidades e cidades autónomas: Andalucía, Aragón, Asturias, Castela e León, Ceuta, Comunidade Valenciana, Madrid, Melilla e Euskadi. De Europa, entran na listaxe varios territorios novos, entre eles Francia e Luxemburgo, á vez que saen Lituania e Xibraltar. 

Compoñen, así, o rexistro obrigatorio de territorios europeos: Acerbaixán, Albania, Andorra, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Francia, Kosovo, Lituania, Luxemburgo, Malta, Mónaco, Montenegro, Portugal, República Checa, Reino Unido, San Mariño, Serbia e Suecia. Tamén está obrigado a comunicar a súa chegada calquera visitante procedente do continente africano e dunha quincena de territorios americanos.

Panamá sae da listaxe nesta actualización do Executivo autonómico e entran outros tres territorios. En concreto, integran a listaxe de territorios americanos: Aruba, Ecuador, Estados Unidos, O Salvador, Guatemala, Honduras, Illas Turks e Caicos, Illas San Vicente e Granadinas, Paraguai, Porto Rico, Venezuela, Haití, Xamaica, Nicaragua, República Dominicana e Santa Lucía.

Finalmente, a listaxe de territorios de Asia cuxos visitantes deben comunicar a súa chegada sobe a 27, ao sumar Bahrein e Maldivas a Bangladesh, Emiratos Árabes, India, Irán, Iraq, Israel, Kazakhstán, Kirguizistán, Líbano, Omán, Palestina, Filipinas, Afganistán, Bután, Brunei, Cambodia, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia, Iemen.  

Todas as persoas que cheguen a Galicia desde estes lugares, ou que estivesen neles nos últimos 14 días, deberán cubrir o formulario habilitado na web do Sergas ou ben comunicalo ao teléfono 881 00 20 21 no prazo das 24 horas.