Falecen doce persoas con coronavirus en Galicia, que suma 603 novos contaxios
• É a maior cifra de falecidos notificada nun día nesta segunda vaga
• As decisións do comité clínico sobre a adaptación das novas restricións en Galicia daranse a coñecer este martes
O Sergas notificou estes luns doce novos falecementos por mor da covid−19 en Galicia, a cifra máis alta rexistrada nun día durante esta segunda vaga da pandemia. Cos novos falecidos, o total de vítimas mortais en Galicia con covid−19 sitúanse en 880.
O comité clínico galego mantivo este luns unha reunión en que se tratou como se adaptarán a Galicia as novas restricións decretadas polo Goberno central e se a Comunidade Autónoma dará algún paso máis específico. Con todo, estas decisións daranse a coñecer este martes, segundo avanzaron fontes da Xunta.
A cifra total de falecidos desde o comezo da nova normalidade ascende a 261 en Galicia.
A primeira morte deste período foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, a comunidade galega encadeara case dous meses —desde o 10 de xuño— sen decesos relacionados co coronavirus.
Por outra banda, Galicia detectou outros 603 positivos por covid−19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas; deles, 153 corresponden á área sanitaria de Ourense e 101 á de Vigo.
Estes datos sitúanse como os segundos máis elevados na comunidade galega, tras os 687 rexistrados o pasado sábado —a cifra máis alta de toda a pandemia.
Así se desprende dos datos actualizados este luns á mañá pola Consellería de Sanidade, con cifras ata as 18:00 horas deste domingo.
Por áreas sanitarias, tras as de Ourense e Vigo, sitúanse a da Coruña, con 96 positivos confirmados por PCR en 24 horas; Santiago, con 83; Lugo, con 59; Pontevedra, con 58, e Ferrol, con 53.
En total Galicia rexistra 6.766 casos activos, o que supón 335 máis ca os contabilizados ata este domingo.
Por áreas sanitarias, na de Ourense soben en 91 ata os 1.390; a de Vigo suma 57 e sitúase en 1.243; a da Coruña e Cee aumenta en 45, ata os 1.167; a de Santiago de Compostela e Barbanza sobe a 1122(+33); a de Pontevedra conta con 683 —44 máis—; a de Ferrol incrementa en 43 ata os 488, e a de Lugo suma 22 e colócase con 673.
Segue aumentando a presión hospitalaria
Dese total de casos activos, 389 permanecen hospitalizadas, son 18 máis dos que se notificaban este domingo, e 55 en Unidades de Coidados Intensivos, seis máis. A presión hospitalaria no país aumenta, sitúase xa en niveis de finais de abril, tanto en camas de planta como en UCI.
Ata a data curaron na comunidade galega 25.585 persoas, o que supón 270 máis que as contabilizadas ata este domingo.
Malia que a presión hospitalaria no país vai en aumento de xeito preocupante, a situación, polo momento, é máis favorable ca no resto de comunidades autónomas, algunhas coa ocupación das camas UCI nunha situación crítica. Con todo, a forma da curva da evolución da ocupación de camas UCI amosa que non se debe baixar a garda.
Aumenta o número de probas PCR
Realizáronse ata o momento 640.621 PCR (+7.127). É un aumento considerable nas PCR, que frearan hai unhas semanas o seu ritmo. Volven superar por tres días consecutivos as 7.000 probas; foron onte e antonte os dous días que máis PCR se fixeron no que vai de pandemia.
As sete cidades galegas en nivel máximo de alerta
O mapa semáforo cos casos rexistrados nos últimos sete e catorce días da Xunta segue tinguíndose de vermello. O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia do coronavirus na última semana, elevouse este luns ata os 37, seis máis que na xornada anterior, e inclúe xa as sete cidades.
Así, na última xornada incorporáronse a este indicador de nivel vermello a cidade da Coruña e as localidades de Cambre, Muros, Silleda, Soutomaior e Ribadavia.
Ademais, segundo consta no mapa semáforo actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, repiten en nivel 3 pola pandemia os concellos de Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Carballo, Vimianzo, O Porriño, O Barco, Lalín, O Carballiño, Verín, Narón, Oleiros, Arteixo, A Laracha, Ames, Teo, A Estrada, Vilagarcía, Poio, Cangas, Salvaterra do Miño, Tui, Monforte, Fene, Marín, Redondela, Barbadás e Xinzo.