CRTVG

Buscar

Galicia contabiliza 27 mortos por coronavirus e suma máis de 1.500 contaxios

Publicado o 24/03/2020 23:48

• Hoxe confirmouse a morte de sete pacientes

Galicia contabiliza 27 mortos por coronavirus e suma máis de 1.500 contaxios

Esta tarde confirmouse o falecemento de dous pacientes que estaban ingresados no CHUAC, un home de 92 anos e unha muller de 83. En Lugo morreu un home de 78 anos que estaba ingresado en planta, e en Ourense faleceu un varón de 90. Esta tarde coñeceuse tamén o falecemento dunha muller de 91 anos, que estaba ingresada no CHUF de Ferrol. Todos eles tiñan pataloxías previas.

Hoxe confirmáranse outros dous falecidos: un home de 83 anos que estaba ingresado no Hospital da Mariña e tiña patoloxías previas e outro, de 61 anos, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e tamén tiña patoloxías previas.

O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 1.521, un 20,8 % máis que os rexistrados o luns após detectarse 262 novos positivos. Do total de infectados, 68 están ingresados na UCI, 393 en hospitalización e 1.060 permanecen nos seus domicilios. Diso informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este martes á tarde nunha conferencia de prensa en que deu conta de que hai 17 pacientes máis na UCI (+33 %). Ademais, as persoas ingresadas en plantas de hospitais aumentaron en 73, o cal supón un 22,8 % máis.

Pola súa banda, hai 172 novos casos positivos que permanecen nos seus domicilios, o cal supón un incremento do 19,37 %. Segundo os últimos datos de Sanidade, este martes á tarde os falecidos en Galicia con coronavirus elévanse a 236. Pola súa banda, xa recibiron a alta un total de 25 persoas.

Feijóo lanzou unha mensaxe de ánimo para todas as persoas hospitalizadas e sinalou que "están nas mellores mans posibles". Tamén trasladou o seu pesar aos familiares e amigos de todos os falecidos. Ademais, felicitou a todos os profesionais sanitarios e, especificamente, os do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), o centro con "máis presión" por número de casos.

Na súa comparecencia, Feijóo sinalou que, como "era previsible", séguese incrementando a curva de contaxios. "Isto significa que cantos máis tests diagnósticos fagamos, cantas máis persoas teñamos diagnosticadas, máis posibilidades hai de detectar os positivos", indicou, para asegurar que esta iniciativa "preventiva" fai que Galicia estea "preparada" para "peores momentos", que "están por chegar".

Na súa intervención, ademais, o máximo mandatario autonómico asegurou que a situación en Galicia é "lixeiramente menos mala" que a da maioría das comunidades autónomas. 

"Oxalá que a anticipación que adoptamos en Galicia, sobre todo o traballo dos profesionais sanitarios e sociosanitarios e tamén a responsabilidade de todos os galegos que están confinados nas súas casas, nos permita seguir nunha situación un pouco menos mala", sinalou. Con todo, asegurou que non se pode descartar que nas próximas semanas Galicia entre nunha situación "peor" que a actual".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí