CRTVG

Buscar

Galicia suma 20 mortos con coronavirus

Publicado o 23/03/2020 19:40

• Falece un home de 69 que estaba hospitalizado no CHUF con patoloxías previas

 

Falece un varón de 69 anos que estaba ingresado no CHUF de Ferrol e que tiña patoloxías previas. É a terceira vítima mortal en Ferrol por coronavirus e a 20 na comunidade.

En Galicia o número de casos de coronavirus é de 1.170. Os falecidos son 20, o último é un home de 69 anos que estaba ingresado no hospital de Ferrol. A taxa de mortaldade en Galicia está cinco puntos por baixo da media de España. Hoxe coñecemos unha boa nova. O paciente cero de Galicia saíu da Unidade de Coidados Intensivos.

O paciente cero de Galicia, a primeira persoa diagnosticada de coronavirus na nosa comunidade, deixa a Unidade de Coidados de Intensivos, segue ingresado pero en planta.

"Demos de alta da Unidade de Coidados Intensivos do hospital da Coruña o primeiro paciente diagnosticado con COVID-19 na área sanitaria da Coruña e Cee e tamén o primeiro paciente dado de alta na UCI de Galicia. Despois de extubalo e tras dous tests negativos, nestes momentos está ingresado en planta e o seu prognóstico é estable", di David Freire, xefe da UCI do CHUAC.

É a boa nova xornada, mentres o número de casos en Galicia ascende a 1.170 segundo os datos da consellería e o número de tests de diagnóstico realizados é de 5.945. A Coruña con 298 positivos, Vigo con 278 e Santiago con 189 son as tres áreas sanitarias con máis casos. Do total de pacientes positivos, dos 1.170, 46 permanecen na UCI, 270 están en unidades de hospitalización e 854 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 19 altas de pacientes e 20 falecementos.

Os falecidos nas últimas horas son un home de 69 anos ingresado no hospital de Ferrol e outro de 81 anos que estaba ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti, os dous tiñan patoloxías previas. A taxa de mortaldade na nosa comunidade sitúase no 1,6 % fronte ao 6,5% de España.