CRTVG

Buscar

Galicia suma 19 países europeos ao rexistro de viaxeiros, onde tamén entra Cataluña

Publicado o 09/03/2021 17:21

A Dirección Xeral de Saúde Pública actualizou este martes a listaxe de territorios que os viaxeiros deben comunicar cando visiten Galicia. Nesta ferramenta duplicáronse, de 19 a 38, os países europeos de notificación obrigatoria, mentres que, do resto de España, entra Cataluña e saen Andalucía, Castela e León e Comunidade Valenciana.  

Deste xeito, a relación de territorios estatais que os viaxeiros deben comunicar e que actualiza este martes o 'Diario Oficial de Galicia' (DOG) inclúe agora un total de sete: Aragón, Asturias, Cataluña, Ceuta, Comunidade de Madrid, Melilla e País Vasco.  

No que respecta ao continente europeo, a listaxe de países que establece a Xunta pasou este martes de 19 a 38, ao incorporar Austria, Bélxica, Bielorrusia, Bosnia-Herzegovina, Bulgaria, Chipre, Grecia, Países Baixos, Hungría, Irlanda, Italia, Lituania --que saíra na actualización anterior--, Macedonia do Norte, Moldavia, Polonia, Romanía, Suíza, Turquía e Ucraína.  

Mentres tanto, continúan como territorios de comunicación obrigatoria os seguintes: Acerbaixán, Albania, Andorra, Estonia, Eslovaquia, Eslovenia, Francia, Kósovo, Letonia, Luxemburgo, Malta, Mónaco, Montenegro, Portugal, República Checa, Reino Unido, San Mariño, Serbia e Suecia.

Tamén debe comunicar a súa chegada calquera visitante procedente do continente africano. En América, os estados de notificación obrigatoria ampliáronse de 16 a 27, ao incluírse A Arxentina, O Brasil, Chile, O Uruguai e Panamá, entre outros.  

Deste xeito, integran a listaxe de países americanos Antigua e Barbuda, A Arxentina, Aruba, Barbados, Bonaire, San Eustaquio e Saba, O Brasil, Chile, Ecuador, Estados Unidos, O Salvador, Guatemala, Honduras, Illas Turks e Caicos, Panamá, Paraguai, O Perú, Porto Rico, Venezuela, Haití, Xamaica, Nicaragua, República Dominicana, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas e O Uruguai.  

Finalmente, a listaxe de Asia suma a Kuwait, Qatar e Xordania, mentres continúan Bangladesh, Bahréin, Emiratos Árabes Unidos, India, Irán, Iraq, Israel, Kazakstán, Kirguizistán, Líbano, Maldivas, Omán, Palestina, as Filipinas, Afganistán, Bután, Brunei, Cambodia, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia e O Iemen.  

Todas as persoas que cheguen a Galicia desde estes lugares, ou que estivesen neles nos últimos 14 días, deberán cubrir o formulario habilitado na web do Servizo Galego de Saúde (Sergas) ou ben comunicalo ao teléfono 881 00 20 21 no prazo das 24 horas.

 

Noticias web

09/03/2021