CRTVG

Buscar

A morte dun home de 69 anos no CHOP eleva o número de falecidos en Galicia a 624

Publicado o 15/08/2020 11:50

• Galicia suma 105 casos activos máis de covid-19 e alcanza os 1.158 contaxios

A morte dun home de 69 anos no CHOP eleva o número de falecidos en Galicia a 624

Esta tarde o Sergas confirmou a morte un home de 69 anos que estaba ingresado no CHOP e presentaba patoloxías previas. Este falecemento súmase aos cinco acontecidos dende o 7 de agosto tras dous meses sen vítimas mortais por coronavirus en Galicia. A última morte comunicárase o xoves, a doutro home de 90 anos de idade na área sanitaria de Ourense.

O pasamento confirmado no día de hoxe eleva a 624 os mortos na comunidade, 132 en residencias e 142 nos hospitais.

Galicia suma 105 casos activos máis de covid-19 e alcanza os 1.158 contaxios

Galicia viviu hoxe a súa terceira xornada cun incremento superior ao centenar en casos activos. Na última actualización, en Galicia hai 1.158 casos activos (105 máis) e deles 700 son da área da Coruña, unha barreira que non se superaba nesta zona dende o 4 de maio. Nas últimas 24 horas sumou 82 casos. 

No resto de áreas sanitarias non houbo variacións importantes: hai 104 casos en Lugo (+5), 78 en Ourense (+5), 59 en Pontevedra (+7), 129 en Vigo (-5), 46 en Santiago (+4), e 42 en Ferrol (+7).

Dúas novas hospitalizacións

Do total de pacientes positivos, 44 están en unidades de hospitalización e 1.114 no seu domicilio. Na actualidade non hai ningún paciente en UCI.

Na área sanitaria da Coruña e Cee, a principal afectada na actualidade pola pandemia, permanecen ingresados 34 pacientes, 28 en planta no CHUAC, 2 no Quirón, e 1 no San Rafael.

Doutra banda, a área de Lugo, A Mariña e Monforte conta con catro casos ingresados e outros 100 en seguimento domiciliario.

A zona de Ourense, Verín e O Barco ten tres ingresos e 75 casos en seguimento domiciliario, mentres que Vigo ten a dous pacientes hospitalizados no Álvaro Cunqueiro e outros 127 no seu domicilio.

Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.559 persoas curadas.

Dous novos contaxios entre traballadores das residencias

As residencias galegas rexistraron dous novos casos positivos infectados por covid-19, en concreto nos municipios de Culleredo e Coles. Segundo os datos facilitados pola Xunta, trátase de dous traballadores dos centros Orpea Coruña, en Culleredo, e da DomusVi Barra de Miño, no municipio de Coles.

No caso deste último, segundo engadiron fontes da Consellería de Política Social, trátase dun traballador que estaba de vacacións e non chegou a incorporarse ao seu posto de traballo.

Estes novos positivos súmanse aos dous casos detectados na residencia de maiores de Paradela e ao dunha empregada da de San Bartolomeu de Xove. A pesar diso, a día de hoxe non hai ningún residente positivo nas residencias de anciáns e de atención á discapacidade de Galicia.

O número de PCR realizadas é de 277.462.