CRTVG

Buscar

Galicia sofre o peor saldo vexetativo de España, con 15.854 mortes máis que nacementos

Publicado o 19/06/2019 19:44
Galicia sofre o peor saldo vexetativo de España, con 15.854 mortes máis que nacementos

Galicia sufriu en 2018 o peor saldo vexetativo de toda España, con 15.854 mortes máis ca nacementos, segundo os datos provisionais que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, houbo 16.550 nacementos, a cifra máis baixa desde que hai rexistros. Galicia lidera a caída (-10,3%) a nivel estatal, seguida pola Rioxa (-9,2%). Este número é de 5.500 menos que os máis de 22.000 que houbo en 2010.  

Por provincias, A Coruña tivo o maior número de nacementos o ano pasado (7.129), seguida de Pontevedra (5.977), Lugo (1.958) e Ourense (1.486). Pola súa banda, os datos de falecementos non deixan de crecer ano tras ano na comunidade e alcanzan xa os 32.404 en 2018 (442 máis que en 2017). Deste xeito, Galicia acumula un tres décadas sen un saldo vexetativo positivo. A seguinte comunidade con peores datos de saldo vexetativo é Castela e León (-14.199). Só tres autonomías (sen contar as cidades autónomas) están en cifras positivas: Madrid (10.904), Murcia (3.448) e Baleares (1.946).

Esperanza de vida

Con todo, a esperanza de vida continúa á alza en Galicia, posto que para os nados en 2018 sobe ata os 83,10 anos (era de 83,07 en 2017). Con todo, hai diferenzas por sexos, xa que a de homes baixa a 80,13 anos (era de 80,15 anos en 2017), mentres que para as mulleres avanza até 85,99 anos (85,90, en 2017).

Matrimonios

O INE tamén publica este mércores a estatística relativa a matrimonios de 2018, no que houbo 8.609 en Galicia. Supoñen 678 ligazóns menos que en 2017 (-7,3%). Respecto da forma de casamento en 2018, é maioritario polo civil (6.647 vodas), seguido do rito católico (1.852 casos). Houbo 28 ligazóns por outro tipo de relixión, mentres que en 82 ligazóns non consta de que forma foi.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019