CRTVG

Buscar

Cinco mortes elevan a 2.352 a cifra de falecidos en Galicia

Publicado o 04/04/2021 20:08

• Hai 34 persoas ingresadas en UCI, catro máis que o día anterior

• As infeccións son 2.167 (-56) e os positivos 92 (-16)

Galicia sae da terceira vaga coa taxa de letalidade mais baixa da Península

Nas últimas horas Sanidade notificou o falecemento de cinco persoas por mor da covid−19. Todas elas sufrían patoloxías previas. Eran dous homes de 55 e 59 anos que faleceron no CHUAC e un de 67 que morreu no CHOP o 3 de abril. As outras dúas mortes, a dunha muller de 84 anos no CHUAC e un home de 63 no HULA, producíronse este domingo. Con estes datos, a cifra total de falecidos ascende a 2.352 dende o inicio da pandemia en Galicia.

A evolución epidemiolóxica mantén a estabilidade en Galicia. Con datos das 18 horas do sábado, a transmisión do virus non ofrece sobresaltos. Hai 2.167 persoas coa infección activa, 56 menos que a xornada anterior. Tamén baixan os positivos detectados, 92, en todas as probas realizadas, 16 menos que os diagnosticados a véspera. Nas PCR diagnosticáronse 81 contaxios, que supoñen tamén unha redución de nove respecto ao rexistro anterior. A positividade das probas PCR, mantense en niveis aceptables, cun 2,3 %.

O indicador negativo da xornada está nos ingresos, xa que malia que hai unha persoa menos en planta (179), son catro máis (34) os pacientes que precisan atención en UCI. Son así 213 o total de enfermos hospitalizados en Galicia, tres máis que a xornada precedente.

Galicia segue como a cuarta comunidade coa menor incidencia acumulada de casos en 14 días, con 65 fronte aos 151 da media española. Para falar de control da transmisión debe manterse por baixo dos 25 casos.

Nas residencias non houbo contaxios por cuarta xornada consecutiva.

Situación por áreas sanitarias

A Coruña segue a ser a demarcación que ofrece os datos máis negativos en Galicia. Aínda que baixan os casos, o resto de indicadores repuntan  lixeiramente, tanto os de hospitalizados, ben en planta ben en UCI,  coma os dos contaxios diarios. As infeccións activas só aumentan (+3) na área de Pontevedra, e os ingresos en UCI soben na Coruña, Lugo e Vigo. Os hospitalizados en planta sofren incremento na Coruña, Lugo e Ourense. Os positivos diarios detectados soben en Santiago, Ourense e A Coruña.

A Coruña: 706

Ferrol: 96

Lugo: 134

Ourense: 144

Pontevedra: 233

Santiago: 273

Vigo: 581