CRTVG

Buscar

Galicia roza os dous mil casos activos tras a maior suba de positivos en case catro meses

Publicado o 02/07/2021 10:10

• Soben en todas as áreas sanitarias, especialmente na de Pontevedra

• A taxa de positividade supera o 6 %, a máis alta en cinco meses

• A Xunta non descarta "revisar" o modelo de restricións pola repunta

A repunta derivada do gromo en Mallorca faise notar nos datos da pandemia de Galicia. Hai 1994 persoas con covid-19, 157 máis ca onte, tras 271 novos positivos, segundo os últimos datos do Sergas. É o maior aumento dende o 13 de marzo.

A área sanitaria de Pontevedra é a que sofre a maior suba. Por áreas, a repartición é:

• A Coruña: 574 (+30)

• Vigo: 328 (+31)

• Ourense: 229 (+30)

• Santiago: 190 (+14)

• Lugo: 224 (+2)

• Pontevedra: 367 (+46)

• Ferrol: 82 (+4)

Estabilidade nos hospitais

Polo de agora, hai 55 persoas ingresadas: 46 en planta (+3) e 9 nas UCI (-1). Non baixabamos da decena en coidados intensivos dende o 22 de agosto.

Aínda é cedo para determinar o impacto que pode chegar a ter o gromo das Baleares no que a presión asistencial atinxe. Que o grupo poboacional máis afectado sexa a mocidade e o progreso da vacinación semellan poderían conter os incrementos que vimos noutras repuntas en pasadas vagas. Ademais, estas subas adoitan manifestarse dúas semanas despois das subas.

Onte o Sergas non notificou ningún falecemento, polo que a cifra de vítimas da covid-19 no país é de 2.436 persoas

A positividade, á alza

Das 4.107 probas PCR realizadas, deron positivo 268, o que implica unha taxa de positividade do 6,53 %, a máis alta dende o 7 de febreiro. É un punto e medio superior ao limiar máximo recomendado pola OMS para dar por controada a pandemia.

 

Mapas de incidencia por concellos

Noticias web

02/07/2021