CRTVG

Buscar

Galicia anda polos 4.000 casos activos e rexistra dous novos falecementos

Publicado o 03/09/2020 19:48

• Os falecementos producíronse na residencia Orpea Coruña de Culleredo, onde hai 32 usuarios contaxiados, e no Hospital de Montecelo

• A área da Coruña, que onte rexistraba unha baixada de casos activos, lidera hoxe a suba (+38)

Galicia anda polos 4.000 casos activos e rexistra dous novos falecementos

Esta tarde faleceu unha persoa que fora diagnosticada por coronavirus. Trátase dun home de 79 anos que estaba ingresado no Hospital de Montecelo e presentaba patoloxías previas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade tamén notificou o falecemento dunha persoa usuaria da residencia Orpea Coruña de Culleredo, onde hai 32 usuarios contaxiados.

Por outra banda, Galicia rexistra na xornada de hoxe 3.991 casos activos de coronavirus.

Segundo os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, 1.425 destes pertencen á área da Coruña, 798 á de Lugo, 386 á de Ourense, 271 á de Pontevedra, 302 á área de Vigo, 659 á de Santiago e 150 á de Ferrol.

Hospitalizacións e falecementos

Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 159 en unidades de hospitalización e 3.817 no domicilio.

Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.039 persoas curadas e rexistráronse 652 falecementos, os últimos notificados onte do HULA e hoxe outros dous, un rexistrado esta mañá na residencia de maiores Orpea Coruña (Culleredo) e outro durante a tarde no Hospital de Montecelo (Pontevedra).

Ingresos que proveñen de residencias

Dez dos corenta usuarios da residencia de anciáns de Outeiro de Rei que deron positivo por Covid-19 foron ingresados no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) “por precaución”, tendo en conta de que todos eles presentan “patoloxías previas”.

O ingreso deses pacientes débese á necesidade de que sexan sometidos a un “seguimento médico máis exhaustivo”, como consecuencia desas patoloxías previas, mentres que os demais residentes afectados mantéñense “estables”, segundo informa a Xunta.

De acordo co último reconto realizado polo Sergas, nestes momentos hai 40 residentes afectados e tamén deron positivo cinco traballadores.

Ademais, as mesmas fontes aclaran que o feito de que todos os infectados residan nunha área concreta do edificio está a permitir realizar un “mellor seguimento” da súa evolución.

Conforme ao protocolo de prevención establecido para evitar novos contaxios, os demais residentes seguen illados nos seus dormitorios e as instalacións seguen pechadas a visitas externas.

En todo caso, as mesmas fontes indicaron que, polo menos de momento, ese gromo dáse por estabilizado”.

En canto á residencia de anciáns do Incio, fontes de Política Social confirmaron que foron ingresados nas últimas horas outros sete usuarios afectados por Covid-19, tres onte -día 2 de setembro- e outros catro esta mesma mañá.

Dúas das catro vítimas mortais rexistradas onte en Lugo eran usuarias da residencia de maiores do Incio, dúas mulleres de 94 e 86 anos que estaban ingresadas no Hospital Universitario Lucus  Augusti (HULA).

Con estas, son nove as mortes relacionadas co gromo da residencia, que tivo que ser intervida pola Xunta e que supera o centenar de afectados.

Sanidade realizará un cuarto cribado na residencia de maiores do Incio esta mesma semana para comprobar como se atopan os residentes que ata o de agora deran negativo nas probas realizadas ata o momento.