CRTVG

Buscar

O Nadal en Galicia remata con máis de 2.500 sancións por incumprir as restricións

Publicado o 07/01/2021 17:14

A Policía Nacional e a Garda Civil realizaron en Galicia un total de 9.067 dispositivos de seguridade desde que comezou a vixilancia especial polo período do Nadal, o luns 21 de decembro, nos que confeccionaron 2.513 propostas de sanción por incumprimentos ás restricións, informou a Delegación do Goberno en Galicia.

Desde o inicio das festas e ata este mércores, ambos os corpos controlaron a 74.119 persoas e 45.363 vehículos, polo que as propostas de sanción supoñen ao redor dun 3 % do total. En concreto, este mércores, o día de Reis,  despregaron un total de 387 dispositivos de seguridade para vixiar as restricións en Galicia, nos que se realizaron 155 propostas de sanción (46 menos ca o día anterior).

Os controis, enfocados a supervisar o acatamento das medidas decretadas pola Xunta para facer fronte á propagación da covid-19, chegaron no día de onte a 4.683 persoas e 2.732 vehículos, polo que as propostas de sanción supuxeron un 3 % do total.

A Policía Nacional identificou 322 individuos e controlou 98 vehículos; mentres que o Instituto Armado fixo o propio con 4.361 persoas e 2.634 vehículos. Das 155 propostas de sanción, a maioría partiron da Garda Civil, que confeccionou 128, mentres que a Policía realizou 27 ao longo do día. 

 



 

Noticias web

07/01/2021