CRTVG

Buscar

Falecen sete persoas en Galicia nunha xornada en que baixan os casos activos e os contaxios diarios

Publicado o 08/11/2020 20:55

• Descenso dos casos activos en todas as áreas sanitarias agás Pontevedra, que suma tres

• O conselleiro de Sanidade pide "ser cautos" e "agardar a que as medidas funcionen"

Falecen sete persoas en Galicia nunha xornada en que baixan os casos activos e os contaxios diarios

O domingo á tarde notificouse o falecemento de sete persoas diagnosticadas con covid−19 en Galicia. Un home de 76 anos que morreu no Provincial de Pontevedra e unha muller de 88 no Montecelo. No hospital de Ourense morreron dúas mulleres, unha de 89 anos que procedía da residencia de maiores dos Milagres en Barbadás e outra de 82 ingresada no mesmo centro hospitalario. No hospital da Mariña morreron outras dúas mulleres, de 92 e de 89 anos respectivamente, usuarias da residencia de San Cibrao en Cervo. Tamén morreu un home de 80 anos ingresado no hospital de Valdeorras. A cifra de mortos desde o comezo da pandemia ascende a 988.

Os casos activos de covid−19 en Galicia son 10.109, cun descenso de 167 nas últimas 24 horas. É da primeira baixada en máis de 20 días. Tamén se produce unha diminución dos novos contaxios diarios, con 545 novos positivos, 541 confirmados por PCR

A caída de casos activos dáse en todas as áreas sanitarias, agás na de Pontevedra, onde se incrementan con tres máis. Prodúcese unha certa estabilización na propagación do virus, na xornada déronse 707 altas a persoas que superaron a infección.

No tocante á presión hospitalaria, redúcese lixeiramente en planta con 483 persoas, doce menos que na xornada anterior pero sobe nas UCI, con 89 ingresadas, cinco máis ca o sábado. En Galicia xa se levan realizado desde marzo 746.637 PCR.

A situación por áreas sanitarias é a seguinte:

Vigo: 2.503 casos activos

A Coruña: 1.868 (-18)

Santiago: 1.226 (-63)

Ferrol: 1.071 (-18)

Pontevedra. 1.232 (+3)

Ourense: 1.082 (-14)

Lugo: 1.127 (-30)