CRTVG

Buscar

Galicia rexistra refachos de máis de 110 km/h e máis 70 litros por metro cadrado

Publicado o 19/08/2020 21:33

Meteogalicia tiña activado o aviso amarelo ata este momento nas provincias da Coruña e Pontevedra. A responsable desta situación é unha profunda borrasca que se despraza cara a Irlanda e que o servizo meteorolóxico dese país denominou Ellen. Ao seu paso pola costa galega, está a deixar precipitacións intensas e forte vento de compoñente sur, con refachos superiores aos 100 quilómetros por hora. En Baiona colleu un pouco co pé cambiado a turistas e visitantes. Despois de case dous meses tan cálidos e secos, xa non lembraban que en Galicia no verán, ás veces, tamén chove.

A choiva foi especialmente intensa na provincia da Coruña. En Lousame recolléronse case 75 litros por metro cadrado, e preto de 70 en Santa Comba e Val do Dubra, valores que se sitúan por riba da precipitación media de todo o mes de agosto. Ademais, choveu moito no concello de Rois, onde se recolleron máis de 50 litros por metro cadrado.

Segundo datos de Meteogalicia, tamén o vento nesta provincia soprou con forza. En Cedeira e Vimianzo houbo refachos superiores aos 100 quilómetros por hora. Con todo, o récord do día rexistrouse en Viveiro, onde o vento alcanzou os 110 quilómetros por hora.

 

Noticias web

19/08/2020