CRTVG

Buscar

Falecen trece persoas en Galicia, a peor cifra da segunda vaga

Publicado o 29/10/2020 20:26

• Este xoves notificáronse outros 618 novos contaxios

• Hai xa 67 persoas nas UCI (+5) e 414 en planta (+22)

• Os casos activos soben en todas as áreas sanitarias, agás Ourense

Falecen trece persoas que foran diagnosticadas por coronavirus. Así o comunica a Consellería de Sanidade na tarde do xoves. Deles, tres faleceron no CHUVI: un home de 63 anos, procedente da residencia de Salvaterra do Miño, unha muller de 86 e un home de 83. Outras dúas mortes rexistráronse no Hospital Arquitecto Marcide, un home e unha muller de 87 e 88 anos respectivamente. 

No CHUO faleceu un home de 87 anos, vencellado á residencia Nosa Señora dos Anxos (Ribadavia). Tamén faleceu unha muller de 89 no HULA e unha de 81 no CHUS. O Hospital de Verín rexistrou outra morte, neste caso unha muller de 78 anos, procedente da residencia Val de Monterrei. E no Hospital Polusa de Lugo faleceu unha muller de 80 anos.

Por outra banda, morreron 3 persoas na residencia Os Gozos do Pereiro de Aguiar: tres mulleres de 99, 95 e 92 anos, respectivamente. 

O total de falecidos por coronavirus en Galicia sitúase nos 902. É a maior cifra de mortes diarias desta segunda vaga. 

Galicia rexistrou outros 618 positivos por covid−19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas; deles, 156, na área de Vigo; 123, na da Coruña e Cee, e 113, na de Santiago. Deste xeito, Galicia anda polos 8.000 casos activos, ao ascender a 7.930.

Os casos activos, preto dos 8.000

Canto aos casos activos, ascenden a 7.930 en Galicia, o que supón 395 máis que este mércores. Estes aumentan en todas as áreas, salvo na de Ourense, onde baixan lixeiramente a 1.407, sete menos.

A de Vigo mantense á cabeza, con 1.624, o cal supón 122 máis que a xornada pasada. Pola súa banda, a área Sanitaria da Coruña e Cee conta con 1.358 casos activos, o cal supón 73 máis; a de Santiago e A Barbanza, 1.251, 65 máis; a de Pontevedra e O Salnés sobe a 838, 57 máis; a de Lugo colócase con 782, 39 máis, e a de Ferrol ten 670, 50 máis.

Novos positivos por probas PCR, que baten récord

En Galicia realizáronse onte 8.769 probas PCR, a cifra máis alta na nosa comunidade no que vai de pandemia. En total, van 663.251 PCR.

Segundo os datos da Consellería de Sanidade consolidados onte á tarde ás 18:00, a área de Ourense suma 59 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; a de Ferrol, 58; a de Pontevedra e O Salnés, 57, e a de Lugo, 52.

Son as tres áreas sanitarias máis afectadas as que contabilizan maior número de PCR positivas: a de Vigo, 156; a da Coruña e Cee, 123, e a de Santiago e Barbanza, 113.

Sobe a presión hospitalaria

Os últimos datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade mostran un aumento da presión hospitalaria nas UCI, con 67 casos, cinco máis que o día anterior; mentres que en planta hai 414 ingresados, 22 máis que o mércores.

 

Aínda que nas comparacións con outras comunidades Galicia segue a ser a que conta con maior porcentaxe de camas UCI dispoñibles, a tendencia é preocupante. Xa superou o limiar do 10 % de ocupación segundo os últimos datos do Ministerio.

Ata a data curaron 26.270 persoas en Galicia, 236 máis ca este mércoresO total de contaxiados na comunidade galega ascende a 35.089 no que vai de pandemia.

Falecementos

Con respecto aos falecidos con covid−19, en Galicia ascenden a 889 despois de notificar Sanidade na tarde deste mércores a morte de sete persoas, tres delas na residencia dos Gozos do Pereiro de Aguiar.

Mapa de niveis de alerta por concellos

O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia de coronavirus na última semana aumentou este xoves ata os 41, dous máis que a xornada anterior.

En concreto, ascenden a este nivel vermello o municipio coruñés de Culleredo e os ourensáns de Xinzo de Limia e Viana do Bolo, mentres que no caso de Pontevedra Salceda de Caselas sitúase, en comparación á xornada do mércores, no nivel dous.