CRTVG

Buscar

Galicia rexistra o 4,8 % do total das pernoitas do mes de abril

Publicado o 24/05/2021 10:56
Galicia rexistra o 4,8 % do total das pernoitas do mes de abril

Galicia acaparou o 4,8 % do total das pernoitas en hospedaxes rexistradas en España durante o mes de abril, segundo a Enquisa de Conxuntura Hostaleira do Instituto Nacional de Estatística (INE).

No conxunto do estado, as pernoitas superaron os catro millóns en abril, fronte ao peche total do mesmo mes de 2020, cando o estado de alarma provocado pola pandemia mantiña todos os establecementos pechados.

Segundo a enquisa, en abril de 2019, cando non había alerta sanitaria, superáronse os 26,8 millóns. De media, os locais facturaron 70,1 euros de media por cuarto ocupado, e os prezos dos hoteis baixaron un 20,5 % en taxa interanual, o maior descenso desde que comezou a serie, en 2002.

Aínda que o INE facilita os datos de ocupación hostaleira mes a mes, nesta ocasión, e dado que hai un ano os hoteis estaban pechados, realizou a comparativa do cuadrimestre: entre xaneiro e abril deste ano, as pernoitas reducíronse un 70,6 % respecto ao mesmo período do ano anterior.

Tendo en conta a orixe da clientela, as pernoitas de residentes en España, que supoñen un 68,9 % do total, ascenderon a 2,7 millóns, e as de non residentes alcanzaron os 1,2 millóns. A estadía media foi de 2,1 pernoitas por viaxeiro.

A normalidade non é completa no sector, xa que en abril deste ano estaban abertos 9.195 establecementos, un 50,9 % do total do directorio de establecementos neste mes. Cubríronse o 20,9 % das prazas ofertadas, mentres que o grao de ocupación por prazas en fin de semana situouse no 25,4 %.

Destinos

As Canarias, Cataluña e a Comunidade de Madrid foron os destinos principais do total de turistas en España no mes de abril, concentrando o 15,2 %, o 14,8 % e o 13,9 % respectivamente, do total de pernoitas.

O grupo de residentes viaxaron sobre todo a Cataluña, á Comunidade de Madrid e a Andalucía, que concentran o 14,7 %, 14,6 % e 14,2 %, respectivamente.

Pola súa banda, o principal destino elixido por non residentes foron as Canarias, cun 30,8 % do total de pernoitas, seguido de Cataluña e das Baleares.

No canto a turistas doutros países, Alemaña e Francia concentraron o 22,3 % e o 13,4 %, respectivamente, do total de pernoitas, seguidos de Italia, Suíza e o Reino Unido.

As Baleares presentan o maior grao de ocupación por prazas durante abril, un 31,2 %, seguidas das Canarias, co 26,2 %.

Por zonas turísticas, a illa de Mallorca alcanzou o maior grao de ocupación por prazas, un 33,2 %, e a maior ocupación en fin de semana (40,9 %), aínda que foi na illa de Tenerife onde se rexistrou o maior número de pernoitas, 238.047.

Os puntos turísticos con máis pernoitas foron Madrid, Barcelona e San Bartolomé de Tirajana. Lleida presentou o maior grao de ocupación por prazas (37,7 %) e San Pedro del Pinatar, o maior grao de ocupación en fin de semana (69,6 %).

Facturación

A facturación media diaria dos hoteis por cada cuarto ocupado (ADR) foi de 70,1 euros en abril; o ingreso medio diario por cuarto dispoñible (RevPAR), que está condicionado pola ocupación rexistrada nos establecementos hostaleiros, alcanzou os 19,1 euros.

Por categorías, a facturación media foi de 182,4 euros para os hoteis de cinco estrellas, de 74,2 euros para os de catro e de 54,9 euros para os de tres estrellas.

Os ingresos por cuarto dispoñible para estas mesmas categorías foron de 52,7, 22,3 e 15,5 euros, respectivamente.

Noticias web

24/05/2021