CRTVG

Buscar

Galicia rexistra catro mortes máis pola covid-19 nun día con 590 novos contaxios

Publicado o 06/01/2021 20:29
Galicia rexistra catro mortes máis pola covid-19 nun día con 590 novos contaxios

Catro mortes máis notificadas este mércores de persoas diagnosticadas de covid-19 elevan a 1.431 os falecementos desde o inicio da pandemia, segundo datos de Sanidade.

En concreto, morreron unha muller de 80 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), un home de 75 anos que estaba hospitalizado no Clínico Universitario de Santiago (CHUS), un home de 92 anos procedente da residencia de maiores Domus Vi de Vimianzo (A Coruña) e unha muller de 84 anos que estaba ingresada no Hospital Quirón da Coruña.

O Sergas indicou que todas estas persoas tiñan patoloxías previas. 

Dispáranse os contaxios de coronavirus en Galicia

Nas últimas 24 horas confirmáronse por PCR 590 casos novos, a cifra máis alta en mes e medio. Os casos activos tamén soben, e moito: hai 400 máis ca onte. O que se mantén de momento é a presión asistencial. 342 persoas están hospitalizadas por covid, 57 delas en coidados intensivos. O Sergas acaba de notificar catro falecementos pola covid nas últimas 24 horas.

Noticias web

06/01/2021