Galicia rexistra dúas novas mortes e dous novos gromos en residencias de maiores
• A residencia Nosa Señora do Viso, en Lobeira, ten contaxiados 47 dos seus 58 usuarios e 14 traballadores
• O xeriátrico Ballesol de Oleiros notificou 23 usuarios contaxiados
Nas últimas horas, faleceron dúas persoas que foran diagnosticadas por coronavirus en Galicia. Con estes novos falecementos, elévase a cifra total de falecidos por mor do virus na comunidade a 723.
Segundo notificou o Sergas, eran un home de 94 anos que estaba ingresado no HULA e procedía da residencia de maiores de Outeiro de Rei e unha muller de 79 anos que estaba ingresada no CHUAC. Ambos presentaban patoloxías previas.
Ademais, este mércores rexístráronse en Galicia 4.460 casos activos por coronavirus, segundo a última actualización dos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 110 máis ca onte.
Por outra banda, hai 251 novos contaxios.
ÚLTIMA HORA | Dous novos gromos en residencias elevan os casos activos en 110. Son os centros da Nosa Señora do Viso (Lobeira) con 47 usuarios e de Ballesol (Oleiros) con 23.
— G24 (@G24Noticias) September 23, 2020
Máis información en https://t.co/1LCbxUjbuZ pic.twitter.com/0iTWfAUIH2
O repartimento dos casos activos por áreas sanitarias é o seguinte:
• 1.110 (-4) na Coruña
• 679 (-8) en Lugo
• 602 (+51) en Ourense
• 736 (+34) en Pontevedra
• 511 (+22) en Vigo
• 633 (+6) en Santiago
• 189 (+9) en Ferrol
Gromos en residencias
As residencias volven ser un dos focos de máis contaxios e preocupación. Hoxe Política Social notificou os positivos de 47 usuarios e 14 traballadores na residencia de maiores Nosa Señora do Viso, en Lobeira. Tamén preocupan os 23 usuarios contaxiados na Ballesol de Oleiros.
Outros centros de maiores con novos contaxios son: a residencia de discapacidade Ricardo Baró de Apronaga (Oleiros), con tres traballadores contaxiados máis; Orpea Lugo, con dous traballadores, e Las Salinas (Ourense) e Os Pinos (A Rúa), cun usuario contaxiado máis cada unha.
Hospitalizacións e UCI
No tocante a hospitalizacións, 32 persoas están en UCI, 217 en unidades de hospitalización e 4.211 en seguimento domiciliario. En total, curaron 17.308 persoas e realizáronse 440.382 probas PCR.