CRTVG

Buscar

Descenden por primeira vez en mes e medio os casos activos en Galicia

Publicado o 08/09/2020 12:19

• Nas últimas horas confirmouse o falecemo dunha persoa vencellada co gromo na residencia do Incio e outra na residencia de maiores de Orpea Coruña

• Baixan os casos activos nas áreas da Coruña, Lugo e Santiago

Este martes Galicia rexistra 4.230 casos activos, segundo a última actualización dos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Rexístrase por primeira vez dende finais de xullo un descenso no número de casos activos; hai 13 menos ca onte. Porén, hai 161 novos contaxios.

Por áreas sanitarias, redúcense os casos respecto de onte en Lugo, A Coruña-Cee e Santiago-Barbanza, aínda que son as que seguen tendo máis.

Aumentan na de Pontevedra-O Salnés, en 28, e na de Ferrol, en 11.

A repartición é a seguinte: 1.413 (-21) na área da Coruña, 801 (-15) na de Lugo, 467 (+8) na de Ourense, 371 (+28) na de Pontevedra, 346 (+2) na de Vigo, 662 (-26) na de Santiago e 170 (+11) na de Ferrol.

No Concello de Ares pecháronse parques públicos e estanse a desinfectar rúas ante o aumento dos veciños que están confinados e gardando corentena.

Mentres, as PCR practicadas aos traballadores do colexio británico de Mos deron negativo.

Rexistrado dous novos falecementos nas residencias de maiores

Nas últimas horas faleceu un home de 90, usuario da residencia do Incio, e que estaba ingresado no HULA. Horas antes morría unha muller de 80 anos na residencia de maiores de Orpea Coruña, en Culleredo. Tras sumar estas dúas mortes, a cifra total ascende a 664 en Galicia.

Tamén hai menos enfermos hospitalizados: 209, dos que 22, un máis ca onte, están en Coidados Intensivos e 187 en planta. Ademais,  4.021 en seguimento domiciliario.

Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.965 persoas curadas e 663 falecementos rexistrados. Ata o momento curaron 13.965 persoas e practicáronse 369.998 probas PCR.