CRTVG

Buscar

Galicia rexistra 33 falecidos e 1.600 contaxios de coronavirus

Publicado o 25/03/2020 16:18

• Catrocentos nove pacientes permanecen en unidades de hospitalización e 69 na UCI

• A vinte e cinco dos enfermos xa lles deron a alta

• Resumo dos datos oficias de Galicia

A última vítima mortal é un home de 63 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario de Ourense e que tiña patoloxías previas. É a vítima número 33 en Galicia desta enfermidade.

Este mércores tamén faleceu un home de 81 anos que estaba ingresado no CHUAC e que tiña patoloxías previas. E outro de 84 que estaba ingresado no Hospital Virxe da Xunqueira por coronavirus. 

O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 1.598, segundo a última actualización feita pública pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Deles, 396 son da área de Vigo; 389, da da Coruña; 288, da de Santiago; 202, da de Pontevedra; 186, da de Ourense; 99, da de Lugo, e 38, da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 69 permanecen en UCI, 409 están en unidades de hospitalización e 1.120, no domicilio. Ademais, a 25 pacientes déronlles a alta.

Outro paciente sae da UCI

As cifras de contaxios e falecidos non deixan de medrar, pero tamén a dos pacientes curados. Igual que aconteceu recentemente no CHUAC, da UCI do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo saíu hoxe o primeiro paciente tratado por covid-19 nesa unidade. Xa está en planta e a súa evolución é favorable. 

As últimas vítimas mortais, en Cee, A Coruña e Pontevedra

Hoxe rexistráronse seis vítimas mortais en Galicia. O último falecemento produciuse no Complexo Hospitalario de Ourense, un home de 63 anos que tiña patoloxías previas. Tamén morreu outra persoa no CHUAC, un home de 81 anos que estaba ingresado no complexo hospitalario e que tamén tiña patoloxías previas. Rexistrouse outra morte no Hospital Virxe da Xunqueira, en Cee, o primeiro neste centro sanitario da área da Coruña. Ademais desta, as últimas mortes corresponden a dous homes de 82 anos que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e dos que constan patoloxías previas e a outro home, de 74 anos, que estaba ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra e tamén tiña patoloxías previas. 

Ata o de agora, practicáronse 7.936 probas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí