CRTVG

Buscar

Galicia rexistra 280 casos activos de coronavirus, 20 máis ca onte

Publicado o 31/07/2020 13:50

O virus foi acelerando a súa expansión ao longo de toda a semana. Galicia rexistraba esta mañá 280 casos activos por coronavirus. Son 20 máis ca onte, segundo a información facilitada polo Sergas.

A 267 deles estáselles facendo seguimento domiciliario, outros 12 están en unidades hospitalarias e só un está na UCI.

O número de mortos por coronavirus mantense nos 619.

Por áreas sanitarias, a da Coruña converteuse xa na que rexistra más contaxios, cun total de 87, superando a de Lugo que ten 80, os mesmos ca onte.

Na área sanitaria de Vigo, con 48 casos, está a unica persoa ingresada en UCI. A área de Pontevedra rexistra 25 casos positivos, dous máis, mentres que na de Santiago, hai 23, os mesmos ca onte.

A de Ferrol segue sendo, con dous casos, a que menos positivos rexistra de toda Galicia.

Ourense é a outra área sanitaria con menos casos a pesar de que nas últimas horas os positivos subiron ata os 15 tras os gromos aparecidos en Baños de Molgas, con tres contaxiados, e en Vilar de Barrio, con sete.

Neste ultimo concello suspendéronse todas as actividades de ocio e culturais que estaban programas para estes días.

A situación preocupa aquí especialmente porque un dos positivos é unha traballadora dos servizos sociais que atenden no concello 42 persoas.

O Sergas rastrexa agora todos aqueles que estiveron en contacto cos contaxiados. En concreto 10 persoas que tiveron relación cos de Vilar de Barrio e outras 21 relacionadas cos positivos de Baños de Molgas.

Noticias web

31/07/2020