Oito mortes este martes nos hospitais galegos elevan a 581 os falecidos en Galicia
• A Coruña e Ourense son as áreas onde máis baixou o número de afectados
• Máis de 2.500 pacientes evolucionan no seu domicilio
• Máis de 6.500 persoas superaron a enfermidade en Galicia
O número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.819, cunha baixada de 237 respecto de onte, segundo informa o Servizo Galego de Saúde.
Hoxe faleceron 8 persoas nos hospitais galegos. Esta tarde coñecíase a morte de 5 persoas por coronavirus. Trátase dunha muller de 79 anos que estaba ingresada no HM Rosaleda; un home de 78 anos que estaba ingresado no CHUAC; dúas mulleres de 71 e 78 anos que estaban ingresadas no CHUVI e un home de 90 anos que estaba ingresado no CHUO. Todos eles tiñan patoloxías previas.
Deste xeito, a cifra total de vítimas mortais é de 581 persoas, segundo informan fontes da Consellería de Sanidade.
A esas mortes tamén hai que sumar o falecemento doutras persoas este martes. Son un home de 93 anos que estaba ingresado no Chuac; e un home de 89 e unha muller de 73 que estaban ingresados no CHUS.
ACTUALIZACIÓN | A morte de 5 persoas esta tarde eleva a 581 o número total de falecidos por coronavirus en Galicia.
— G24 (@G24Noticias) May 5, 2020
Consulta todos os datos aquí https://t.co/dGswCFmyri pic.twitter.com/2pxAjVrQy1
Redúcese a incidencia en todas as áreas sanitarias, especialmente na da Coruña e na de Ourense.
Por áreas sanitarias, a distribución das persoas contaxiadas é a seguinte:
• A Coruña: 669 (-71).
• Vigo: 696 (-19).
• Ourense: 541 (-47).
• Santiago: 451 (-17).
• Lugo: 179 (-44).
• Pontevedra: 155 (-27).
• Ferrol: 128 (-12).
A maior parte das altas déronselles, un día máis, a pacientes que se recuperaron no seu domicilio. Nas súas casas continúan 2.556 pacientes (213 menos ca onte). Hai 37 enfermos en UCI, tres máis ca onte, e reduciuse o número dos que están ingresados en unidades hospitalarias. Son, a día de hoxe, 226 (27 menos ca na xornada anterior).
Dos 2.819 casos activos, 838 rexístranse en centros residenciais, con 547 usuarios e 291 profesionais afectados, e dos 581 falecidos, 259 residían en xeriátricos. Destes, 130 morreron na propia residencia e outros 129 en hospitais ou residencias integradas.
Ata o de agora, 6.561 persoas en Galicia están curadas tras sufrir a enfermidade, 327 máis que os notificados onte polo Sergas.
Fixéronse un total de 106.081 probas PCR, 1.091 nas últimas 24 horas.