CRTVG

Buscar

Galicia rexistra 134 positivos por coronavirus en residencias de maiores

Publicado o 26/03/2020 17:59

• Cento seis usuarios e 28 traballadores

• A residencia de maiores de Barreiro rexistra 35 positivos, o maior foco de toda Galicia

Galicia rexistra 134 positivos por coronavirus en residencias de maiores

Os casos positivos de coronavirus en residencias para a terceira idade en Galicia ascenden ata os 134 diagnósticos; 106 usuarios e 28 traballadores. Dende o último boletín oficial da Consellería de Política Social, sumáronse 14 persoas maiores afectadas e outros dous traballadores. 

Os novos casos apareceron na Residencia Concepción Arenal da Coruña (2); en Fogar Bellolar da Coruña (4); na DomusVi San Lázaro de Santiago (24); en Nosa Señora da Esperanza; en San Rosendo en Ourense (5), e en Divino Mestre, San Rosendo, en Ourense (1).     

Faleceron cinco persoas con coronavirus, unha delas da Residencia San Carlos de Celanova (Ourense), outra da Fogar Bellolar (A Coruña), outra en DomusVi San Lázaro de Santiago, unha máis en DomusVi Barreiro de Vigo e a última en Carballo.

A residencia de maiores de Barreiro é a que rexistra o maior foco de positivos de toda Galicia, con 35, dous máis ca onte. Polo momento non se realizou ningún traslado a Baños de Molgas, pero en Política Social aseguran que se realizará se for preciso. 

O resto de residencias presentan os seguintes datos en relación aos contaxiados: 12 no Portádego (A Coruña), 12 en San Carlos de Celanova, catro en Cangas, tres na Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdeorras, unha en Fogar Nosa Señora do Carme en Fisterra, outra en Betania (Viveiro), outra en Castro Caldelas, outra na Nosa Señora da Asunción en Caldas e outra na Nosa Señora de Valvanera de Cambados.

No tocante a traballadores contaxiados: hai 16 empregados diagnosticados na residencia de Celanova, seis na  DomusVi de Barreiro, tres na Nosa Señora da Esperanza de Ourense e un na  DomusVi San Lázaro. Comezan a contabilizar casos tamén nos centros de atención para persoas con discapacidade: Aspronga, Redondela,  Aixiña e Santa Cruz de Rosendo. Un total de sete afectados, á vez que tamén o están seis traballadores: catro de Redondela, un da Vivenda Tutelada Ágora de Monforte de Lemos e outro de Santiago.