CRTVG

Buscar

Galicia rexistra 1.510 casos activos por coronavirus cun descenso de 500 nas últimas horas

Publicado o 16/05/2020 22:24

Das catro vítimas que hoxe comunicou a Consellería de Sanidade dúas delas faleceron nas últimas horas: un home de 73 anos en Santiago e outro de 91 en Ourense. As outras dúas mortes, foron confirmadas despois dunha revisión clínica dos casos, que permitiu determinar que tamén foran vítimas da COVID-19.

Estes dous falecementos rexistráranse en días pasados no Clínico de Santiago e eran dous homes de 70 e 78 anos. Con esta actualización a cifra total de vítimas é de 606, e non consta que se rexistrasen novos casos de usuarios das residencias de maiores desde hai xa máis dunha semana. A Coruña continúa sendo a área sanitaria con máis falecementos, seguida de Ourense e Vigo.

A cifra de casos activos en Galicia, despois dunha nova revisión da Consellería, que foi confirmada polo Ministerio, é de 1.510, case cincocentos menos ca onte, e correspóndese cun importante aumento das altas de pacientes que pasaban a enfermidade na casa. Isto elevou o número de curados ata os 8.820.

Hai cinco novos contaxios confirmados por PCR, segundo informa o Ministerio de Sanidade, e nas últimas horas houbo só 3 hospitalizacións.

A ocupación das unidades de coidados intensivos tamén mellora: son 19 ingresados, tres menos ca onte, e descende o número de pacientes en planta, onde quedan 102.

Por áreas sanitarias, Vigo é a que máis activos rexistra con 401 casos, e as cifras descenden en todas elas, fundamentalmente en Santiago e na Coruña.