CRTVG

Buscar

Galicia quere que se compense a dispersión e o envellecemento na repartición de fondos entre as comunidades

Publicado o 05/05/2020 15:14

Son 16.000 millóns que as comunidades non terán que devolver. A maior parte do fondo, 10.000 millóns, destinarase a compensar o gasto sanitario que afrontaron debido á epidemia. E con este criterio, as comunidades máis afectadas serán as que máis reciban. Cataluña, as Castelas e a Rioxa xa amosaron a súa satisfacción.

"Os criterios que se puxeron sobre a mesa parécennos razoables. Agora hai que ver a letra pequena", dixo Pere Aragonès, vicepresidente da Generalitat de Cataluña.

Pero son moitas as comunidades que discrepan. Canarias e Baleares piden que se teñan en conta as súas perdas pola caída do turismo. O presidente andaluz, o popular Juanma Moreno, acusa o Goberno de discriminar a súa rexión e pide unha repartición acorde coa poboación. Na mesma liña sitúase o presidente socialista da Comunidade Valenciana, Ximo Puig. Tamén Aragón e Galicia queren que se compense a dispersión e o envellecemento.

Ante a falta de acordo, o Ministerio de Facenda comprometeuse a revisar a súa proposta.

 

Noticias web

05/05/2020