CRTVG

Buscar

Galicia réndelles unha homenaxe a todas as vítimas do coronavirus

Publicado o 13/06/2020 22:18

As campás da catedral de Santiago resoaron esta mañá na memoria das vítimas da covid-19. O seu son rachou o minuto de silencio do acto oficial en memoria dos falecidos en Galicia, pero tamén chamaron a atención polos que viven anguriados polas consecuencias sociais e económicas do coronavirus. Foi un acto sinxelo no que participaron representantes do goberno, as institucións e todos os partidos políticos galegos.

Tres meses despois de que se decretase o estado de alarma e a dous días de que se levante en Galicia, o de hoxe foi un día de lembranzas.  

Foi un acto sinxelo, que tivo por escenario o Patio de Cristal de San Francisco, na capital galega. Os familiares das vitimas foron os que descubriron unha placa na súa memoria, cunha mensaxe de compromiso: manter sempre vivo o seu recordo. Non houbo discursos e cuns únicos protagonistas, os 619 falecidos durante esta pandemia, que no escenario estaban representados por dúas torres de rosas brancas.

Entre os himnos  e o minuto de silencio final, só a frauta de Carlos Núñez e a voz de Luz Casal lle puxeron música e letra a esta homenaxe cunha interpretación moi sentida da Negra Sombra

Noticias web

13/06/2020