CRTVG

Buscar

Galicia reivindica o seu modelo de explotacións e non perder cartos na nova PAC

Publicado o 14/07/2021 16:17

O Goberno e as comunidades autónomas discuten hoxe os criterios para a repartición das axudas do próximo período da PAC. O conselleiro do Medio Rural participa nesa xuntanza. Reivindica que se manteña o volume de axudas no agro galego.  Para o Goberno da Xunta, o mantemento do volume das axudas para os agricultores e gandeiros galegos é unha liña vermella nesta negociación. Blindar polo menos os 200 millóns de euros que reciben cada ano. Garantir esta cantidade de axudas directas ou mesmo mellorala, porque outra das aspiracións do conselleiro do Medio Rural é que se regularicen e que poidan recibir axudas todas as terras que están en explotación e que neste momento non se benefician da PAC. Malia que hai diferenzas importantes entra as distintas comunidades, a vontade do ministro Planas é poder pechar hoxe un acordo. 

O ministro de Agricultura xunta as comunidades autónomas co reto de pechar un acordo o máis amplo posible para redactar o Plan Estratexico Nacional da PAC, a fórmula para a repartición dos cartos. Luis Planas asume que hai diferenzas de calado ata entre 15 e 20 puntos. E é que mesmo a definición de agricultor vai condicionar a repartición dos fondos. 

Galicia defende nesta xuntanza que se regulen e adapten á realidade as superficies con dereitos de axuda, que o novo modelo considere as pequenas e medianas explotacións familiares e profesionais, unha reivindicación que comparte coas comunidades da cornixa cantábrica. A intención do Ministerio de Agricutura é harmonizar os intereses de todas as comunidades autónomas durante o día de hoxe e poder asinar un acordo.

Noticias web

14/07/2021