Galicia reforza a imaxe das súas praias coas 107 bandeiras azuis neste 2019
Galicia reforza a imaxe das súas praias coas 107 bandeiras azuis que lucirán nos seus areais neste 2019. A nosa é a segunda comunidade de España en número de distintivos, só por detrás da valenciana.
Neste acto, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que Galicia contará cunha lei de patrimonio natural, que se debaterá este martes no Parlamento, para protexer a súa riqueza natural e a biodiversidade e que contribuirá a facer unha comunidade "máis verde".
Así, reivindicou que nos últimos tempos o seu Executivo dotou á comunidade de instrumentos normativos "para preservar a paisaxe e fomentar un desenvolvemento sustentable e racional", como o plan de ordenación do litoral, as directrices de ordenación do territorio, a lei do chan e o catálogo das paisaxes de Galicia.
En relación á entrega das bandeiras azuis, o titular do Executivo autonómico valorou os 156 galardóns que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor outorgou á comunidade. En total, 156 bandeiras azuis que ondearán este ano: en 107 areais galegos; 12 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 22 carreiros azuis. Despois de destacar que nesta última categoría, Galicia é a autonomía que máis recoñecementos ten de España, Feijóo referiuse tamén aos 15 centros azuis premiados polo desenvolvemento de iniciativas a favor da educación ambiental.